Primeira derrota do Teucro nun polémico final ante o Balonmano Alcobendas (26-30)
Por Diego Espiño
Non estaba a ser o mellor encontro da tempada da Sociedad Deportiva Teucro, en boa medida porque en fronte estaba un duro rival como o Balonmano Alcobendas, pero os de Javier Barrios sacaron a casta para lograr empatar un partido que estaba costa arriba e chegar con opcións a catro minutos do final.
Foi entón cando dúas decisións da parella arbitral moi protestadas no Municipal permitiron ao conxunto madrileño sentenciar un partido que ía camiño do empate.
Con 26-26 no marcador, os colexiados sinalaron unha dubidosa falta cando o Alcobendas xa perdera a posesión, permitindo que a recuperase para anotar por medio de De la Rubia.
Esta mínima renda podería non ter sido definitiva, pero un minuto despois deuse validez ao 26-28 cando un dos árbitros sinalaba que o mesmo De la Rubia se encontraba pisando dentro da área.
Non se recuperou o Teucro destas decisións e cunha perda de balón, a enésima no partido, perdeu todas as esperanzas de manterse invicto na competición.
Antes de todo isto o encontro arrancou cun equipo azul entoado en defensa e correndo ao contragolpe, como lle gusta aos de Javier Barrios, en 20 bos minutos (11-8) que nada facían presaxiar o que estaba por chegar.
Nese momento o Alcobendas axustou a súa liña defensiva e puxo un punto máis de intensidade que cambiou a tendencia do choque e rematou por amolar a un ataque teucrista que só marcou un gol máis antes do descanso (12-12).
Á volta de vestiarios Mikel puxo por diante por primeira vez no partido aos madrileños e a pesar da resistencia azul comezaron a mandar e anotar con relativa facilidade mentres os de Javier Barrios encadeaban avisos de pasivo nos seus ataques.
A remolque a partir de entón e con desvantaxes constantes de dous goles, os pontevedreses tiveron que recorrer ao orgullo para non se ir do partido e empatar en varias ocasións, a última a falta de catro minutos. O sucedido nese momento é de sobra coñecido.
Con este triunfo o Alcobendas adianta o Teucro na clasificación, pero os azuis mantéñense na terceira posición coa convicción de poder prantar cara a calquera dos equipos da categoría.
SD TEUCRO (26): Juan Bar, Dorado, Álex Pombo (1), Chapela (4), Porto (3), Víctor Rodríguez (8), Carlos García (4, 2p) -sete inicial- García Pichel (2), Carlos Pombo, Tomás Moreira (2), César Armán, Borja Pedreira (2), Miguel Sío, Cadilla.
BM ALCOBENDAS (30): Carlos Calle, Márquez (6), De la Rubia (7), Manu, Mikel (6, 2p), Sergio García (2), Velasco (3) -sete inicial- Beret, Kramarz (4), Nicolás López, Iglesias, Adrián Prieto, Jimeno (2), Donderis.
Árbitros: Amigo Plaza e Espadas García de la Galana (Castela A Mancha). Excluíron a Porto (2), Víctor Rordríguez (2) e Carlos García no Teucro e a Kramarz, Mikel e Adrián Prieto no Alcobendas.
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 7-5, 9-7, 11-8, 12-11, 12-12, descanso, 14-15, 15-16, 19-20, 23-23, 25-25.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 400 espectadores.