Un Arxil sen xogo interior non pode (27-76) co Instituto de Fertilidad Air Europa
Por Redacción
O Arxil presentábase esta fin de semana ante a súa afección. Malia os seus mellores desexos non foi un bo partido das pontevedresas. Caeron derrotadas de forma contundente por 27-76 ante o equipo mallorquín Instituto de Fertilidad Air Europa. A clave deste abultado resultado está no escaso xogo interior que mostraron na cancha as xogadoras de Mayte Méndez.
As pontevedresas tiveron dúas caras. Nos dous primeiros cuartos foron un equipo fallón, brando en defensa e con nula achega defensiva dentro da pintura. Con estes argumentos foi presa fácil para as mallorquinas que, a base de rebote defensivo e saídas ao contrataque, contaban con ata catro opcións de tiro, o que provocou que ao descanso o marcador fose un 6-43.
O descanso animou ás verdes e foron máis agresivas en defensa, pecharon o rebote e iso reflectiuse no marcador 11-16 e 10-17. Os responsables do equipo pontevedrés mostráronse satisfeitos con esta segunda parte e destacaron o gran nivel do equipo mallorquín. Recoñecen que queda moito por traballar e confían en que o seu xogo mellore coa chegada da xamaicana Tajay Ashmeade, que podería chegar a Pontevedra este venres.
O xoves, a partir das 20 horas, o Arxil terá outro test esixente. Enfrontaranse no CGTD ao campión da liga regular, o Cortegada de Vilagarcía de Arousa.