A Deputación destinará 1,2 millóns de euros a 132 clubs da provincia
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vai destinar 1,2 millóns de euros a novas subvencións ao deporte das que se beneficiarán un total de 132 clubs da provincia. En concreto serán 775.000 euros para clubs deportivos que participan en competicións federadas no ámbito nacional e outros 473.500 para clubs de deportes náuticos. O obxectivo, en ambos casos, é apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais.
No caso dos clubs federados que compiten en ámbito nacional, serán 81 os beneficiados destas axudas. Trátase de entidades de múltiples disciplinas deportivas, como o atletismo, balonmán, ciclismo, judo, tenis de mesa ou voleibol e, no caso das subvencións ao deporte náutico, destinaranse a 51 clubs de remo, vela e piragüismo. Para os primeiros destinaranse 141.500 euros, mentres que 71.500 euros serán para clubs de vela e 260.500 euros para os de piragüismo.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que este ano a institución destina en conxunto un investimento de máis de 3 millóns de euros ao deporte da provincia. "Somos unha grande referencia en deporte e queremos seguir apostando para que os clubs teñan os recursos para poder manter a súa actividade, máis agora nestes tempos complicados de pandemia", destacou.