Ramón Arís releva ao cesado Manuel Vidal como delegado dos árbitros en Pontevedra
Por Redacción
O Comité Técnico Galego de Árbitros en Pontevedra ten novo delegado. Despois do cesamento de Manuel Vidal Araújo alegando unicamente perda de confianza, algo que provocou a mobilización do colectivo que recolleu firmas para a súa restitución; Ramón Arís foi presentado este martes como novo delegado polo presidente do Comité, Bernardino González; e o presidente da RFGF, Rafael Louzán.
Desde o ente federativo asguran que a elección de Arís "é unha aposta pola continuidade". Baséano en que o novo delegado xa formaba parte do equipo de traballo que lideraba Vidal. De feito tamén continúa neste grupo Joaquín Baltasar, "persoa clave no funcionamento da delegación".
Os obxectivos marcados son os de "continuar co traballo iniciado fai cinco anos e seguir progresando como delegación". Arís era o responsable de formación da delegación e no seu discurso quixo remarcar o traballo realizado por todos os formadores. Tamén agradeceu a Bernardino pola confianza e a Manuel Vidal polo gran traballo realizado e marcar o camiño.
Como recoñecemento polo traballo realizado, o presidente Rafael Louzán entregou un obsequio ao delegado saínte. Tamén Bernardino González destacou o labor realizado por Vidal e convidouno a continuar no colectivo "se así o considera".