O Teucro volve aos adestramentos sen contactos nin partidos de pretempada
Por Manu Otero
A Divisón de Honra Prata comezará, se a situación sanitaria o permite, dentro de 47 días. O Teucro recibirá no Municipal ao San Pablo Burgos para volver competir despois de seis meses parados. Este luns comezaron xa a preparar ese retorno. Pero os homes de Irene Vilaboa tiveron que facelo dunha forma atípica porque, para previr contagios por coronavirus, Sanidade aínda non permite os deportes de contacto nin a celebración de partidos de deportes de equipo.
Pasadas as 20 horas do luns, 15 xogadores do primeiro equipo, o gardameta do filial Raúl González e os xuvenís Diego Fernández e Juan Piñeiro foron chegando ao Pavillón Municipal para realizar o primeiro adestramento da pretemporada.
Os integrantes do primeiro equipo convocados para esta primeira sesión foron Samuel Pereiro, Federico Wermbter, Marko Dzokic, Roi Sierra, Jacobo Rio, Cristian Remeseiro, Pedro Sánchez, Sergio Lorenzo, Alejandro Gómez, David Rey, Miguel Sio, Victor Deco, Iago Rodríguez, Diego Martínez e Ricardo González. Incorporaranse nas próximas datas o gardameta Stefan Manoljovic e o pivote Caue Herrera.
Os traballos destas primeiras semanas de adestramento centraranse na recuperación da condición física dos xogadores despois de tantas xornadas sen adestrar en grupo.
A planificación de encontros de pretemporada, despois da cancelación da Copa Galicia, está tamén pendente da autorización da Xunta á celebración de eventos deportivos deste tipo, algo que polo momento non está permitido.