Falece 'Carlinhos', histórico xogador do Rías Baixas e adestrador do Portero 2000 e Poio Pescamar
Por Redacción
O deporte pontevedrés entristécese pola noticia do falecemento de Carlos César Jansell, 'Carlinhos'.
O brasileiro, que faleceu no seu país de orixe, deixou unha profunda pegada na cidade primeiro como xogador e despois como adestrador de categorías inferiores.
Carlinhos chegou a Pontevedra a principios da década dos 90 para xogar nas histórico Rías Baixas de fútbol sala, equipo no que militou varias tempadas chegando a ascender á máxima categoría, baixo a presidencia de Isidro Otero e con Paco Presas como adestrador. Era o inicio da época dourada do desaparecido club pontevedrés, que chegou a xogar anos despois o play-off polo título na Liga Nacional de Fútbol sala.
A pesar de abandonar entón o equipo e a cidade para proseguir coa súa carreira, despois da súa retirada regresou á Boa Vila, traballando durante anos na formación de deportistas.
Así, Carlinhos foi parte do organigrama técnicos de clubs como o Poio Pescamar e o Portero 2000 pontevedrés, que confirmou a noticia sinalando que "su recuerdo será imborrable". Descanse en paz.
En el día de hoy nos ha dejado Carlinhos Jansell ... Su recuerdo será inolvidable y estará siempre presente en el corazón de nuestra Escuela ...D.E.P.
— EF Portero 2000 (@efportero2000) May 7, 2020