O Poio Fútbol Sala debutará na Primeira Nacional feminina o 21 de setembro en Móstoles
Por Alejandro Espiño
O Poio Fútbol Sala xa coñece aos rivais que terá na súa primeira tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino. A Federación Española de Fútbol deu a coñecer por fin o calendario de competición e os equipos que compartirán división coas xogadoras pontevedresas. A liga comezará o 21 de setembro. No primeiro partido, o Poio terá que desprazarse á cidade madrileña de Móstoles.
Dos 16 equipos que conformarán a Primeira Nacional feminina, seis son galegos. Ademais do Poio Fútbol Sala, haberá dous equipos ourensanos, o Ponte Ourense e o Cidade das Burgas; dous coruñeses, Valdetires e Viaxes Amarelle; e un lucense, Burela. Completan a categoría catro conxuntos madrileños, Navalcarnero, Alcorcón, Soto del Real e Móstoles; dous de Barcelona, Gironella e Vallirana; un alacantino, a Universidade de Alicante; un murciano, o Roldán; un navarro, o Orvina; e un rioxano, o Fútbol Sala Rioja.
Tralo seu primeiro desprazamento fóra de casa, o Poio Fútbol Sala debutará ante a súa afección co primeiro derbi da tempada. Será o 28 de setembro contra o Ponte Ourense. Dáse a circunstancia de que o segundo partido en casa será tamén outro dos duelos fraticidas da tempada, contra o Viaxes Amarelle (4ª xornada, 12 de outubro). O último partido de liga para as pontevedresas será o 31 de maio, en Madrid, contra o Navalcarnero.
O calendario completo de competición pódese consultar na páxina web da Real Federación Española de Fútbol.