Galicia, con opcións ao título, perdeu no partido decisivo do torneo "Xuntos contra a violencia de xénero"
Por Redacción
Esta fin de semana, Vilanova de Arousa, Meaño, O Grove e Sanxenxo acolleron o Torneo Galicia - O Salnés "Xuntos contra a violencia de xénero", rolda preparatoria para o Campionato de España de Seleccións Territoriais que se disputará a principios de xaneiro en Cantabria.
Na primeira xornada do campionato, celebrada o venres, as seleccións galegas conseguiron pleno de vitorias. O infantil feminino venceu ao Salnés por 27-15, grazas á efectiva defensa que provocou erros do rival e bos contragolpes, pero na segunda xornada, caeu ante Asturias por 23-18.
Pola súa banda, o infantil masculino gañou tamén á Selección Salnés na primeira xornada. A pesar dos erros e as perdas de balón que cometeron, chegaron ao descanso cun cómodo 14-6 que creceu ata chegar ao 28-14 final. Con todo, o segundo día tamén perderon ante Asturias por 29-23.
Na categoría cadete do primeiro día, o feminino derrotou por 29-19 ao Lavadores grazas a un alto nivel defensivo que lles permitiu coller a vantaxe no marcador, mentres que o segundo perdeu contra Asturias por 23-18. O masculino realizou boas accións de contragolpe para vencer á Selección Aveiro por 34-22, pero ao día seguinte caeu por 24-25 ante Castela e León.
O xuvenil feminino venceu de maneira contundente (43-20) á Selección Morrazo na primeira xornada, e na segunda logrou unha nova vitoria despois de superar a Castela e León por 37-30.
O masculino tamén logrou dobre vitoria. O primeiro día derrotou a Asmubal Meaño por 43-26 e o segundo a Asturias por 27-24.
FASE FINAL
Na categoría infantil feminina, Galicia venceu a Castela e León por 27-23 na última xornada do torneo grazas a unha dura defensa e un bo xogo colectivo en ataque que lles permitiu estar durante todo o partido por diante no marcador. A pesar diso, terminaron o torneo en segunda posición por detrás de Asturias.
Con respecto ao infantil masculino, caeron por un gol ante Castela e León (20-21) nun partido moi igualado no que os galegos lograron poñerse por diante no marcador cunha diferenza de dous goles. Finalmente, os casteláns proclamáronse vencedores do torneo nesa categoría e a selección galega terceira.
Pola súa banda, en cadete feminino Galicia empatou a 22 con Castela e León no partido máis igualado do torneo. Asturias logrou a primeira posición, por diante de Castela e Léon e das galegas.
En cadete masculino, Galicia venceu a Asturias por 32-26, resultado que lles serviu para finalizar o torneo en segunda posición por detrás de Castela e León.
Na categoría xuvenil feminina, Asturias foi a selección máis regular do torneo e venceu a Galicia por 31-27 na última xornada.
Finalmente, en xuvenil masculino Galicia caeu ante Castela e León por 34-25 nun partido que rompeu na segunda metade grazas ás boas paradas do porteiro castelán.