A Federación Galega de Fútbol organiza unha recollida solidaria de equipamento deportivo
Por Redacción
Non só as recollidas de xoguetes ou alimentos poden alegrar a un neno ou nena e facilitar a súa vida para que non senta excluído por motivos económicos.
Así o entendeu a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), cuxa xunta directiva aprobou a posta en marcha dunha campaña solidaria de Nadal consistente na recollida de todo tipo de equipamento deportivo.
Todo o que se consiga será enviado, sinalan, a colectivos e persoas con necesidades aos que este material pode permitirlles facer deporte, en particular fútbol e fútbol sala, tanto en Galicia como tamén noutros países como varios do continente africano que solicitaron colaboración. Ademais a RFGF poñerá tamén do seu parte coa cesión de equipamento propio.
Os interesados en participar poden achegarse á delegación pontevedresa da Federación Galega de Fútbol (Praza de Pasarón número 1) antes do 10 de decembro ou poñerse en contacto a través do mail pontevedra@futgal.es.
O único requisito para participar é que o material enviado se atope limpo e en bo estado.