A Xunta promete mellores servizos para o equipo de triatlón do CGTD
Por Manu Otero
O novo curso académico xa está en mercha no CGTD. Se o luns tivo lugar a cerimonia de recepción de novos deportistas, este martes foi a quenda de presentación do novo equipo de tríatlon, que esta tempada inicia un novo proxecto coa entrada Gonzalo Triunfo como novo presidente da Federación Galega e Carlos David Prieto, adestrador do pentacampeón do mundo Javier Gómez Noya, como director técnico.
Nun acto no que participou o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, o presidente do ente federativo destacou ante os 18 compoñentes do equipo de triatletas do CGTD que participaron no acto "o ambiente espectacular" e pediulles "que disfrutedes e o pasedes ben, os resultados xa chegarán".
Pola súa banda, Lete Lasa prometeu atopar unha solución inmediata a algunhas das deficiencias do centro que lastra a preparación dos triatletas. "Sodes os mellores e temos que ter os mellores servizos", dixo o secretario. Entre as demandas que a Xunta espera satisfacer a curto prazo é a adquisición de rodetes para adestrar en bicicleta e a apertura da piscina de 25 metros do centro que esperan reabrir en quince días. Ademais agardan seguir empregando as instalacións de Rías do Sur.
Máis dificultades haberá para a mellora dos servizos médicos e de fisioterapia. Desde a Xunta negocian un convenio con entidades médicas da cidade e coa facultade de fisioterapia para contar con especialistas que traten os problemas físicos que poidan sufrir estes deportistas.
Sobre os cambios na Federación, que conta con Carlos David Prieto e Jonathan Cancela como principais técnicos, o secretario mostrouse "encantado" e espera que esta renovación supoña unha oportunidade "para seguir crecendo".
No acto participou tamén Javier Gómez Noya e sobre a súa presenza Lete Lasa declarou que "nunca deixou de estar, pero agora farao de forma máis clara", agradeceu.
Relacionadas:
-
Jonathan Cancela completa os seus consellos para o confinamento cun plan de adestramento semanal
Por Manu Otero |
-
O dúo que forma aos herdeiros de Gómez Noya
Por Manu Otero |
-
O CGTD inicia o curso con igualdade de número entre homes e mulleres
Por Redacción |
-
A Secretaría Xeral para o Deporte concede 144 bolsas para adestrar no CGTD
Por Redacción |
-
Dapena, ouro no Galego de distancia sprint de Pontevedra e bronce para Saleta Castro
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O adestrador de Gómez Noya é o novo director deportivo a Federación Galega de Tríatlon
Por Manu Otero |