O IV Torneo de Fútbol 8 Virxe Peregrina acolle ás promesas do fútbol base pontevedrés
Por Almu Dapena
Unha trintena de equipos de categorías benxamín e alevín participarán esta fin de semana na cuarta edición do Torneo de Fútbol 8 Virxe Peregrina. O evento foi presentado durante a mañá deste martes polo presidente do club Integración Deportiva Pontevedra (InDePo), Fernando Moreno, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Trátase do pistoletazo de saída para a nova tempada de fútbol que empeza nos próximos días. Desde a Concellería de Deportes destacaron a importancia deste tipo de eventos, que teñen como finalidade fomentar a solidariedade, o respecto e a integración nas idades máis temperás.
Así mesmo, o socialista recalcou a celebración deste tipo de actividades xa que "son tanto ou máis importantes que os grandes eventos" xa que "sen os clubes, non poderiamos pensar neses grandes eventos".
Pola súa banda, o presidente do club organizador celebrou o feito de que cada vez participan máis equipos no torneo "haciendo un día de integración para todos".
A competición disputarase durante os días 14 e 15 de setembro no Príncipe Felipe desde as 10:00 ata as 20:00 horas. O primeiro día participarán os equipos de categoría benxamín e o segundo os de categoría alevín.
O sábado, en categoría benxamín, participarán os equipos: InDePo CF, CD Mosteiro, EFB Moañesa, AJ Lérez, Salgueiriños CF, EFB Vilanova, Poio A e B, ED de Arousa, Caldas CF A e B, SD O Grove, EF Vila de Marín A e B, ACD A Seca, Marcón Atlético, SD Pontarnelas, Catoira SD, EFB Vilanova e SCD Salcedo.
Ao día seguinte, o domingo 15, en categoría alevín, participarán: InDePo CF A e B, AD Lérez, AD Lérez B, Salgueiriños CF, Poio A e B, ED Arousa, Caldas CF A e B, SD O Grove, EF Vila de Marín A, EF Vila de Marín B e o ACD A Seca.