Combarro acolle por segunda vez o Campionato Galego de Acuatlón
Por Almu Dapena
Este domingo, 8 de setembro, terá lugar en Combarro a segunda edición do Campionato de Acuatlón. Durante a presentación, a concelleira de deportes, Marga Caldas, destacou o atractivo que ten a competición: "é unha proba que non só disfrutarán os participantes, senón as persoas que decidan vir a Combarro".
A proba, con categoría de campionato galego, contará coa participación de máis de 150 deportistas de 34 clubs de Galicia que percorrerán o tramo estipulado o ano anterior, saída na Praza da Chousa e percorrido pola zona vella de Combarro.
A primeira saída será ás 11:00 horas cos benxamíns, pasando sucesivamente polo resto de categorías ata chegar á absoluta, que empezará ás 13:00 horas. Os deportistas desta última proba farán 1.000 metros a nado (dúas voltas) e 3000 de carreira (tres voltas ao circuíto habilitado).
A partir das 8:00 horas procederase ao corte das rúas Almirante Regalado ata a Praza da Chousa e o acceso ao porto. Para garantir a celebración da proba, estarán pechadas ata as 13:30, hora estimada de finalización da proba absoluta. A pesar diso, entre as probas permitirase o paso de coches de maneira puntual en función de como se desenvolva a proba.
Pola súa banda, Enrique Hernández, representante da Federación Galega de Tríatlon, concluíu a presentación destacando a importancia desta proba, xa que se trata dunha competición case consolidada no calendario deportivo autonómico.