O Concello de Pontevedra ou a ximnasta Melania Rodríguez, entre os galardoados na Gala do Deporte Feminino
Por Redacción
A asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) celebrou en Vigo a VI Gala do Deporte Feminino Galego, na que homenaxearon a deportistas, clubs, entidades ou iniciativas que máis apoiaron ao deporte feminino durante o ano 2017.
O Museo Verbum, en Samil, acolleu un evento no que foron distinguidos, entre outros, o Concello de Pontevedra e a ximnasta Melania Rodríguez.
A deportista pontevedresa, campioa do Mundo de ximnasia trampolín na modalidade de dobre minitramp e dúas veces campioa europea, recibiu o premio a mellor deportista promesa.
Pola súa banda o Concello de Pontevedra foi homenaxeado como "institución pública amiga" no apoio e promoción do deporte feminino, recibindo o premio o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O resto de galardoadas foron: María Pérez Araújo (baloncesto) como mellor deportista; Susana Rodríguez Gacio (tríatlon) como mellor deportista con diversidade funcional; Noelia Pérez (taekwondo) e Isaura Hermida (ximnasia) como mellores adestradoras; Atlético Guardés (balonmán) como mellor equipo; Marta Bobo (ximnasia) recibiu o recoñecemento á traxectoria; Zulema González (fútbol) como mellor árbitra; Carmen Barro (karate) como mellor directiva; o Club Halterofilia Coruña como mellor club; Antonio López (Radio Galega) como xornalista amigo no apoio do deporte feminino; e Durán Maquinaria como entidade privada máis colaboradora.
Ademais o Grupo de Estudos de Xénero, Actividade Física e Deporte de INEF da Coruña e o programa didáctico da Universidade de Vigo "O xénero nos ollos" foron premiadas como mellores iniciativas en favor do deporte feminino, e tamén se entregou unha mención especial para recoñecer a traxectoria da atleta Julia Vaquero.