Sálvase o Ribadumia, o Arosa segue en play-off e o Céltiga complícase
Por Redacción
A falta de dúas xornadas para finalizar a liga en Terceira División, comezan a aclararse situacións para algúns equipos, mentres outros deben seguir loitando ata o final para conseguir os seus obxectivos.
Co Villalonga condenado ao descenso, o Ribadumia ten claro o seu futuro tras empatar na Laracha certificando a súa permanencia a salvo de calquera arrastre, pero o Céltiga complícase tras perder no seu campo ante un Alondras que se perfila como único rival do Arosa pola cuarta praza, tras o empate dos arlequinados na Lomba e cun partido entre ambos no Morrazo na próxima xornada que será definitivo.
Festa visitante no Municipal da Laracha, nun partido intenso e disputado, con moitos nervios polo que estaba en xogo. Co empate, o Ribadumia deixa a seis puntos ao Laracha, co golaverage gañado, situando a oito equipos por baixo na táboa, o que lle pon a salvo de calquera posible arrastre, confirmando a súa permanencia en Terceira División, o que supón a culminación dunha gran tempada dos aurinegros.
Souto adiantaba aos locais, aos 19 minutos, pero Gabi lograba o gol da salvación definitiva do Ribadumia aos 76 minutos de partido.
Consulta o acta do partido entre Laracha e Ribadumia nesta ligazón.
O partido da xornada estaba na Lomba. Arosa e Bergantiños repartiron puntos, nun resultado que serve de pouco aos visitantes, xa que deixan o título de campión en bandexa a un Compostela que unicamente necesita un punto para alzarse co primeiro posto, e ten un gusto amargo para os arlequinados, que non aproveitaron a inferioridade numérica dos de Carballo, por expulsión con vermella directa de Rodri Alonso aos 54 minutos.
Os de Jorge Otero tiveron máis e mellores ocasións e puideron marcar xa na primeira parte, especialmente nun remate de Sidibé dentro da área que se marchou fóra.
Ao pouco de comezar a segunda parte, Javi Pazos mandou un disparo ao poste. Logo viría a expulsión de Rodri Alonso e o Arosa aproveitaría para adiantarse aos 76 minutos, cun gol do mesmo Javi Pazos, que facía xustiza ao empuxe local.
Pero cando os afeccionados acariñaban un triunfo que case garantía o play-off, o Bergantiños empataba nunha acción a balón parado (minuto 80), por medio de Nacho, apertando ao máximo a loita polo terceiro e cuarto posto, con tres aspirantes, o propio Arosa, Racing Villalbés e o Alondras separados por dous puntos, nun grupiño do que cae o Somozas, derrotado no Candocia, cun apaixonante Alondras-Arosa a próxima xornada.
Consulta o acta do partido Arosa-Bergantiños nesta ligazón.
A terceira derrota consecutiva leva ao Céltiga a unha situación apurada, obrigado a gañar os dous partidos que restan para librarse dos arrastres. Fronte a un Alondras que necesitaba os puntos para seguir optando ao play-off, os locais xogaron un partido presidido polos nervios e cun final non exento de polémica, que terminou cun gol por cada bando no desconto e a expulsión do xogador local Manu.
Os de Cangas tomaron a dianteira cun gol nos primeiros minutos de cada tempo, obra ambos de Jonás, pero Nico reducía distancias antes da hora de xogo, devolvendo a incerteza ao partido.
Co tempo cumprido o Alondras sentenciaba ao transformar Álex Rey un penalti que custou a expulsión de Manu, aínda que o Céltiga lograba acto seguido un segundo gol, por medio de Ángelo, pero sen tempo para nada máis.
Consulta o acta do partido Céltiga-Alondras nesta ligazón.
Demasiada diferenza entre líder e pechacancelas. O Compostela fixo valer a lóxica e acariña o título de campión tras impoñerse a un Villalonga que plantou cara pero nada puido facer ante a superioridade santiaguesa.
Os locais inauguraban o marcador pouco despois da media hora de xogo por medio de Rubén Martínez, e Primo acudía á súa habitual cita co gol facendo o segundo e definitivo aos 58 minutos de partido.
Consulta o acta do partido entre Compostela e Villalonga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Un milagre necesita o Arosa para meterse en play-off, mentres o Céltiga recupera opcións de permanencia
Por Redacción |
-
Remonta o Arosa ao Céltiga nun intenso derbi, cae o Ribadumia e confirma o descenso o Villalonga
Por Redacción |
-
As dúas últimas xornadas da Terceira División terán horario unificado
Por Redacción |
-
Sylla guia ao Arosa, o Ribadumia evita riscos, cae o Céltiga e o Villalonga pesca en río revolto
Por Redacción |