Gañar para evitar ao anfitrión na fase de ascenso, obxectivo do Teucro en Alcobendas
Por Diego Espiño
Ensaio xeral de cara ao play-off de ascenso á Liga Asobal para a Sociedad Deportiva Teucro na súa visita á cancha do Balonmano Alcobendas (sábado 19:00 horas, Pabellón Municipal de los Sueños), ante un equipo que tamén estará presente na final a catro que se xogará os días 11 e 12 de maio.
Nas semifinais da fase de ascenso o terceiro clasificado da liga enfrontarase ao sexto, mentres o cuarto o fará co quinto, e iso é precisamente o que se xogan os homes de Javier Barrios, evitar o equipo organizador. Se o Teucro gaña en Alcobendas concluirá a fase regular en quinta posición, se non, farao o sexto.
Na última xornada ligueira decidirase tamén o lugar onde se xogará polo ascenso. Parte con vantaxe Irún, pero o Bidasoa ten unha papeleta complicada ante o Barcelona B. O outro equipo que aspira á terceira praza é o Ángel Ximénez de Puente Genil, que se enfronta ao Pozoblanco.
Para o último partido de liga Barrios poderá contar con toda o seu plantel en perfecto estado, a excepción da xa coñecida baixa por lesión de César Armán. Non pode dicir o mesmo Daniel Sánchez no Alcobendas, que terá a ausencia de Nico López e a de Sergio García, que tamén se perderá o play-off ao ter que pasar polo quirófano nos próximos días por unha lesión no ombro.