O Poio FS afronta a recta final de liga con opcións de pelexar polo ascenso
Por Diego Espiño
Os dous últimos triunfos do Poio Pescamar manteñen ás vermellas na pelexa polo ascenso á Primeira División do fútbol sala feminino.
As rapazas adestradas por Marcio Santos, segundas na clasificación, necesitan gañar os tres choques que restan para o final da liga regular se queren alcanzar o Leganés Masdeporte no liderado. As madrileñas están seis puntos por enriba pero cun partido máis. En caso de non concluír en primeira posición, as de Poio poden optar a ser un dos dous mellores segundos entre os catro grupos da Segunda División, que se enfrontarán nas eliminatorias polo ascenso aos equipos campións de grupo.
O primeiro envite e pode que máis importante desta recta final será o do próximo sábado (18:30 horas no Pavillón da Seca) ante o Majadahonda, terceiro clasificado. Despois deste partido, que pode ser clave nas aspiracións do equipo, o Poio FS visitará a cancha do Chiloeches para rematar a competición regular na casa recibindo ao Ciudad de Alcorcón.
Na búsqueda dun bo ambiente nas bancadas e conscientes de que o apoio da afección pode ser decisivo, a directiva do club decidiu repartir entradas para o partido en colexios e comercios do municipio "para que o sábado se volva encher o Pavillón da Seca".
Ademais, dende o Poio Fútbol Sala anunciouse a colaboración cun grupo de afeccionados para crear nos próximos días a primeira peña vermella.