Pontevedra é cidade 'running', tamén para os turistas
Por Diego Espiño
A oficina municipal de turismo e os hoteis da cidade contarán cunha nova ferramenta para ofrecer un bo servizo aos visitantes, destinada especialmente aos afeccionados ao deporte.
O atleta Víctor Riobó en colaboración do Concello de Pontevedra elaborou unha pequena guía con cinco rutas propicias para saír a correr.
"Pontevedra é unha cidade moi deportiva e saudable", sinalou o atleta, e por iso preténdese "facilitarlle a vida o turista" mentres lle dan a coñecer diferentes puntos de interese da cidade.
As cinco rutas deseñadas na iniciativa 'Pontevedra Running' atópanse na Illa do Covo ou Illa das Esculturas (4.624 metros), na Xunqueira da Gándara (4.308 metros), Senda do Lérez (11.668 metros), Beiramar (6.861 metros) e a Senda dos Gafos (11.744 metros).
Trátase de "un proxecto moi ilusionante que nace de charlas con deportistas da cidade", explicou a concelleira Anabel Gulías.
MAPA TURÍSTICO PARA A XENTE NOVA
Na mesma rolda de prensa presentouse tamén outra iniciativa turística, obra de Raquel García e destinada á xente nova que visita a cidade.
Neste caso o mapa deseñado pretende ofrecer "unha alternativa diferente" á dos habituais folletos de información, xa que se centrará en como gozar de Pontevedra a través de actividades ou locais de hostalería para reflectir "outra forma de viaxar", sinalou a autora sobre un proxecto que naceu dun traballo universitario de fin de grao.