Pecha a inscrición para o Campionato de España de Dúatlon con 748 deportistas anotados
Por Diego Espiño
Pontevedra prepárase para recibir os próximos 27 e 28 de abril o Campionato de España de Dúatlon un ano antes de que desembarque a beiras do Lérez o Mundial da especialidade.
Será unha proba, o Nacional, de primeiro nivel na que confirmaron a súa presenza ata 748 deportistas ata o peche oficial da inscrición, este xoves día 11, aínda que a organización aínda aceptará solicitudes os próximos días ata que se chegue á cota máxima de participantes por proba aplicando un suplemento do 25% no custo da inscrición.
A competición arrancará o sábado 27, en horario matinal, coas categorías Cadete, Júnior e Paratriatlón nas que se anotaron 131, 130 e 31 atletas respectivamente. Para a tarde quedarán os Elite feminino, con 30 participantes, e o masculino, con 86.
Por último o domingo será a quenda dos Grupos de Idade, cunha presenza de deportistas moito máis elevada, de 340 corredores, onde competirán un bo número de integrantes dos clubs de Galicia como o Triatlón Motobike Pontevedra ou o Club Monte Abaixo de Poio.
Os 15 primeiros clasificados de cada grupo nas diferentes idades conseguirán praza por primeira vez para o Campionato do Mundo, mentres en Dúatlon Paralímpico as prazas recaerán nos tres primeiros de cada categoría.
A distancia para as probas Elite e Grupos de Idade está fixada nun primeiro sector de carreira de 10 quilómetros, seguidos de 40 en bicileta e rematando con 5 quilómetros de novo a pé. Para os júnior e paralímpicos esta distancia redúcese a 5-20-2,5 e para os cadetes queda en 3-10-1,5.
Relacionadas:
-
Forte operativo de tráfico con restricións de estacionamentos e rúas pechadas polo Dúatlon
Por Redacción |
-
Luis Piña ante o Campionato de España de Dúatlon: "O espectáculo está asegurado"
Por Redacción |
-
O Campionato de España de Dúatlon será clasificatorio para o Mundial de 2014 en Grupos de Idade e Dúatlon Paralímpico
Por Diego Espiño |
-
O Campionato de España de dúatlon non entrará no centro urbano
Por Redacción |