Poio aposta polo ciclocrós dúas décadas despois
Por Diego Espiño
A Seca será escenario o vindeiro domingo 19 de novembro do I Ciclocrós Poio Móvese, sexta cita do calendario da Copa Galicia da especialidade.
Ata aí todo normal, nunha carreira na que puxo todos os seus esforzos o Poio Bike Club co apoio do Concello e a Federación Galega de Ciclismo, pero o evento servirá para recuperar a aposta por esta modalidade ciclista no municipio xa que "non se facía dende o ano 95", explicou a concelleira de Deportes, Marga Caldas.
Máis de dúas décadas despois daquelas carreiras organizadas polo Supermercados Froiz, Poio volverá vivir a emoción dunha modalidade "dinámica, divertida e tamén hai que dicilo un pouco dura", sinalou o presidente do Poio Bike Club, Paco Albar.
Serán máis de 300 os participantes, entre federados e a categoría de promoción, nunha competición que contará cos mellores especialistas autonómicos ao non coincidir no calendario con probas internacionais ou da Copa España. Por iso poderá verse en acción en Poio á marinense Irene Trabazo en mulleres ou aos ciclistas Iván Feijóo e Carlos Canal, do Maceda, entre outros.
O circuíto que se habilitará na Seca contará cun percorrido de 2.700 metros nos que se aproveitará a zona do río para intruducir algunhas dificultades e nos que se esconde algunha sorpresa para os ciclistas, como un paso duns 50 metros sobre area "que posiblemente habrá que hacerlos a pie", sinalou á súa vez o ex-campión de España Pablo Pardilla.
Os encargados de abrir fogo serán os máis pequenos ás 9:30 horas, coa carreira de promoción, para dar paso despois á Copa Galicia desde as 10:00 horas ás probas das categorías cadete, junior, sub-23, elite e master en categoría feminina e masculina.
Relacionadas:
-
A segunda edición do Ciclocrós de Poio reunirá a máis de 300 deportistas
Por Sofía Lorenzo |
-
Irene Trabazo e Iván Feijóo estrean o palmarés do Ciclocrós Poio Móvese
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Irene Trabazo e Samuel González, grandes dominadores do XV Ciclocrós Ría de Marín
Por Redacción & Diego Torrado |