Ximnasia acrobática, hockey ou waterpolo, novidades no novo curso das Escolas Deportivas de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín deu o pistoletazo de saída a un novo curso nas súas Escolas Deportivas Municipais publicando as bases da nova tempada, aínda que a actividade non comezará oficialmente ata o día 2 de outubro.
A principal novidade é a inclusión de modalidades deportivas como a ximnasia acrobática, o hockey sobre patíns ou o waterpolo, ademais doutras actividades como o hip-hop, que se unen á oferta.
O resto de actividades ofertadas para o curso 2017/2018 son: atletismo, baloncesto, boxeo olímpico, tenis, fútbol sala, fútbol, ciclismo, piragüismo, vela, judo, natación, patinaxe, remo, taekwondo, xadrez, ximnasia rítmica, ximnasia artística, tríatlon, pilates e voleibol.
A concellería de Deportes espera que ampliando a oferta se supere a cifra de participantes do pasado curso (694 nenos) para alcanzar os 750 nenos e nenas de entre 4 e 14 anos.
A cota de inscrición mantense nos 40 euros anuais, debendo tramitar a anotación entre o luns 4 e o venres 8 de setembro entregando a solicitude no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica da web do Concello de Marín.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, non importará a orde de inscrición, xa que en caso de superar a demanda o número de prazas ofertadas realizarase un sorteo o día 12 de setembro no propio Concello.
Antes de que iso ocorra, o día 1 de setembro a Alameda de Marín acollerá a xa habitual Gala de Presentación das Escolas Deportivas Municipais.