Recepción en Marín a Okutu tras o seu novo éxito nos campionatos de España
Por Redacción
O saltador marinense Jean Marie Okutu volveu a ser recibido con honras no Concello de Marín. Fíxoo tras proclamarse o pasado domingo campión de España de salto de lonxitude ao aire libre por quinta vez.
Okutu foi felicitado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba. Ía acompañado do seu adestrador, Javier de Medrano.
O atleta do FC Barcelona mostrou na recepción a súa quinta medalla de ouro, á que se suman os outros catro campionatos que gañou en pista cuberta.
Durante a recepción, María Ramallo destacou que para Okutu "parece que todo o que consegue é fácil pero para logralo hai que ser o mellor".
O saltador, que non foi seleccionado para os Mundiais de Londres, explicou que enfoca xa a súa preparación para a próxima tempada.