Catro equipos ACB enfrontaranse no torneo EncestaRías de Vilagarcía
Por Redacción
Monbús Obradoiro, Divina Seguros Joventut de Badalona, Miraflores Burgos e Retabet Bilbao Basket. Son os catro equipos ACB que se enfrontarán os próximos 15 e 16 de setembro na terceira edición do Torneo EncestaRías, que se celebrará no pavillón de Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa.
O torneo dá este ano un paso máis, xa que as dúas edicións anteriores disputáronse baixo a modalidade de triangular e nesta ocasión pásase a un formato cuadrangular con semifinais o primeiro día, ademais de final e terceiro e cuarto posto ao día seguinte.
Diego Doval, presidente da Asociación Deportiva e Cultural EncestaRías, apuntou que para todos os que forman parte da organización "é un orgullo poder poñer a disposición dos afeccionados un torneo deste nivel".
Lembrou que estes catro equipos chegarán a Vilagarcía só 15 días de empezar a Liga ACB, polo que será unha oportunidade única para gozar anticipadamente do que poderán ofrecer ao longo de todo o ano. "Queremos que sexa unha festa do baloncesto e un agasallo para todos aqueles que o queiran gozar", explicou Doval.
Os destacados nomes de xogadores que xogarán o III Torneo EncestaRías sumaranse a outros que xa pasaron por Fontecarmoa como Juancho Hernangómez, agora en Denver Nuggets en NBA, Kim Tillie (Olympiacos), Kevin Pangos (Zalgiris), Alberto Díaz (Unicaja), Shane Larkin (Boston Celtics) ou Facundo Campazzo (Real Madrid), entre outros.
Acerca da venda de entradas, a ADC EncestaRías anuncia que se poderán adquirir en próximas datas a prezos igual de económicos que o ano anterior, co engadido que nesta ocasión ofreceranse catro partidos en lugar de tres e en formato de concentración en dúas xornadas. Os afeccionados poderán adquirir os seus tickets telemáticamente ou en puntos físicos de venda, unha vez estean dispoñibles.