Kuznetsova vólvese cruzar no camiño de Lourdes Domínguez e elimínaa en Miami
Por Alejandro Espiño
Svetlana Kuznetsova volveu cruzarse no camiño de Lourdes Domínguez. Igual que xa ocorrera no pasado Aberto de Australia, a tenista rusa derrotou de forma contundente á pontevedresa. Foi na primeira rolda do torneo de Miami, dotado con 4,3 millóns de dólares en premio e que se xoga sobre superficie rápida.
Lourdes Domínguez caeu por un dobre 6-3 en apenas setenta minutos de partido. Como nos últimos partidos entre ambas, a rusa só necesitou dous sets para pasar á seguinte rolda, aínda que na segunda manga tivo que remontar o bo xogo da española que chegou a situarse con 3-2 a favor no marcador, antes de ceder catro xogos consecutivos e, por conseguinte, o partido.
Trátase da cuarta vez na que a pontevedresa, actual número 56 do ranking WTA, cae ante Kuznetsova (número 45). Tan só logrou vencela no primeiro dos seus enfrontamentos, unha vitoria que se remonta ao Roland Garros do ano 2002.