A Copa de España e as voltas a Galicia e Coruña, obxectivos dun ambicioso Súper Froiz
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Coa "mesma ilusión de todos os anos". Así arrinca o Grupo Deportivo Supermercados Froiz unha nova tempada, que se inicia coa tradicional concentración do equipo a poucos días da súa primeira carreira do ano, en Almagro.
Son os primeiros pasos dun proxecto ambicioso, co que a escuadra dirixida por Evaristo Portela quere recuperar o terreo perdido no ránking nacional e pelexar pola Copa de España Elite e Sub-23 que arrinca o 26 de febreiro en Estremadura co Circuíto do Guadiana. "Temos algo pendente o Froiz na Copa de España, que levamos uns anos nos que non somos capaces de estar aí loitando", recoñece Portela, para quen os obxectivos do ano están claros, ademais da Copa "a Volta a Coruña e a Volta a Galicia".
Para iso plantexaron unha gran revolución no plantel, con nove incorporacións entre as que destacan velocistas como Ángel de Julián ou o portugués Leonel de Sousa e "corredores xóvenes con moito talento cos que hai que ter paciencia", como o venezolano Germán Rincón.
Evaristo Portela: "Agora mesmo temos un gran equipo para a montaña"
"Agora mesmo temos un gran equipo para a montaña", explica Evaristo Portela, pero gañaron en posibilidades de vitoria en carreiras dun día como as da Copa de España, competición na que "hai catro corredores que o poenr facer ben e é importante que vaian puntuando", recoñece o director pontevedrés en alusión a Martín Lestido, que retorna ao equipo tras dous anos como profesional, David González, Alejandro Regueiro e Leonel de Sousa.
Outro dos obxectivos da tempada será seguir puíndo o talento do galego Martín Bouzas, que aspira ao Campionato de España Contrarreloxo.
A concentración do Grupo Deportivo Supermercados Froiz ten como base estes días o Hotel Campaniola, nas que se realizaron probas biomecánicas a todos os ciclistas a cargo da empresa Biketreino.
O plantel do equipo pontevedrés estará composto esta tempada por sete corredores Elite (Pedro Merino, Miguel Gómez, Ángel de Julián, Ismael Barba, Jesús Merino, Leonel de Sousa e Martín Lestido) e oito ciclistas en idade sub-23 (David González, Miguel Ángel Alcaide, Martín Bouzas, Alejandro Regueiro, Aarón Mariño, Aitor Bugarín, Antonio Portela e Germán Rincón). Completan o equipo esta campaña dous deportistas máster (José Ignacio Méndez e Javier Iglesias) e outros dous paralímpicos (César Neira e José Enrique Porto).
Relacionadas:
-
Segunda oportunidade na Copa de España para o Froiz
Por Redacción |
-
Agridoce estrea do Froiz na Copa de España
Por Redacción |
-
Primeiro exame na Copa de España Elite e Sub-23 para o Froiz
Por Redacción |
-
Dobre vitoria en Almagro para o Froiz para empezar con bo pé a tempada
Por Redacción |
-
Froiz, 29 anos dando guerra no pelotón
Por Redacción |
-
Almagro será o punto de partida para a tempada do Froiz
Por Redacción |
-
Revolución no Froiz pensando nun gran obxectivo, a Copa de España
Por Diego Espiño |