Xuventú Sanxenxo imponse no derbi local ao Portonovo e USD O Grove cae no Carballiño
Por Redacción
Xuventú Sanxenxo e Portonovo protagonizaron en Baltar de Arriba un derbi local que tivo un comezo de partido eléctrico. Os amarelos conseguían unha cómoda vantaxe pola vía rápida, e en só once minutos xa mandaban por 2-0, grazas aos tantos materializados por Curri e Firi.
Os visitantes non se renderon e levaron a emoción antes da media hora de xogo, cando Pablo recortaba distancias, para irse ao descanso con todo por decidir.
Na segunda parte, Xuventú Sanxenxo aguantou os intentos arlequinados de lograr o empate e soubo sentenciar co terceiro gol, obra de Javi, a falta de 14 minutos, que xa pesou como unha laxa no equipo de Borja Burgos.
Consulta aquí o acta do partido Xuventú Sanxenxo-Portonovo.
Acariñou a sorpresa o USD O Grove na súa visita ao campo de Espiñedo, pero Arenteiro solucionou o compromiso cun gol nos últimos compases do partido, cando os de Nel saboreaban o empate en terreo do vicelíder.
Arenteiro chegaba ao partido escocido tras a severa goleada encaixada a xornada anterior en Salceda de Caselas, e non quería deixarse sorprender de novo. E as cousas comezaron ben para os ourensáns, que se adiantaban ao cuarto de hora, cun gol de Carlos.
Con todo, os grovenses aguantaron ben, logrando empatar pouco despois do descanso, por medio de Jhony, ata que a falta de cinco minutos para o final, Sanginés daba a vitoria aos do Carballiño.
Relacionadas:
-
Importantes vitorias de Unión Grove e Portonovo e freada do Xuventú Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Unión Grove leva o duelo comarcal ante o Sanxenxo e o Portonovo vence ao Mondariz
Por Redacción |
-
Duro correctivo ao Portonovo en Areas, derrota do USD O Grove e triunfo do Xuventú Sanxenxo sobre o pechacancelas
Por Redacción |
-
Xornada negra para Portonovo, USD O Grove e Xuventú Sanxenxo
Por Redacción |