Emoción ata o final no II Criterium Pontevedra de Piñón Fixo
Por Redacción & Diego Torrado
Un circuíto urbano con saída e chegada na avenida de Montero Ríos acolleu este sábado a espectacular segunda edición do Criterium Pontevedra de Piñón Fixo.
Case un centenar de ciclistas participaron nas dúas carreiras, unha amateur e outra profesional, que se disputaron polas rúas da cidade, nas que múltiples afeccionados gozaron coa emoción desta proba deportiva na que as bicicletas usadas polos deportistas, ademais de contar con piñón fixo, non teñen freos.
En concreto, o circuíto deste criterium era dun quilómetro. Tras saír de Montero Ríos, os participantes pasaron pola praza de España, Alhóndiga, Michelena, Gutiérrez Mellado, Riestra e, de novo, o ámbito da Alameda para finalizar no mesmo punto de partida.
A primeira proba en disputarse foi a amateur, na que os ciclistas participantes tiveron que dar vinte voltas a este circuíto.
O gañador foi Rubén Escudero, que completou o percorrido nun tempo de 36 minutos e 39 segundos. Venceu ao sprint a Anxo Vila, ao que superou por apenas unhas milésimas de segundo. O terceiro foi Albert Gómez, a case un minuto dos dous primeiros.
Tras este emocionante comezo, celebrouse a proba profesional na que os participantes tiveron que dar dez voltas máis, ata un total de 30, ao circuíto deseñado pola organización do criterium, sendo eliminados progresivamente aqueles que fosen dobrados.
E do mesmo xeito que na carreira amateur, a emoción mantívose ata o final. Ata nove corredores disputáronse a vitoria nos últimos metros. Foi Luis Junquera, unha das grandes referencias nacionais neste deporte, quen logrou cruzar a liña de meta na primeira posición cun tempo de 41 minutos e 37 segundos.
Segundo foi Marco Hita, que realizou a volta rápida do circuíto -un minuto e 31 segundos-. Completou o podio Arturo Ardura, que foi tan só un segundo máis lento que os dous primeiros.