Arranca a segunda liga local de orientación "Aromon"
Por Diego Espiño
A Illa das Esculturas acollerá o próximo sábado, a partir das 10:00 horas, a primeira proba da Liga Local Aromon-ChemaSport de Orientación, que afronta a súa segunda edición.
Catro Citas nas que están incluídas tres probas máis no Lago de Castiñeiras, A Escusa e no ámbito do Mercantil e nas que se espera superar a participación da pasada edición, con cifras que oscilaron entre os 100 e os 200 participantes en cada cita.
O Club Montañeiros Pontevedra está detrás desta iniciativa, que busca achegar a novos afeccionados a unha práctica deportiva que cada día conta con máis adeptos, como explica Manuel Beloso, presidente do club, "esta liga está dirixida aos máis novos, por idade ou por iniciarse na orientación. Son percorridos sinxelos, os máis difíciles quedan para o Campionato Galego ou de España. Ademais en dúas probas incluímos tamén biciorientación".
Cada proba contará con catro percorridos: iniciación de xente menor de idade, iniciación de adultos, unha ruta denominada "aventura" para adestramento de persoas federadas e outra chamada "desafío" de alta dificultade na orientación.
A inscrición en cada proba da liga será gratuíta para os menores de 15 anos, custará dous euros para socios do club ou federados e cinco para os que non estean federados nin sexan socios, unhas cantidades destinadas ao seguro da competición. Para anotarse na primeira cita, os interesados poderán facelo na tenda de deportes Chema Sport ata as 20:30 horas deste mércores día 6 de febreiro e ata as 22:00 horas do xoves na oficina do club Montañeiros ou no correo aroelo@hotmail.com.
Solicitude para organizar os campionatos de España e Ibérico de raids de aventura
O Club Montañeiros Pontevedra formalizou senllas solicitudes ante a Federación Española para ser sede de varios campionatos, concretamente o Ibérico de raids de aventura en 2014 e o de España en 2015 ou 2016.