Carlos García-Alén: "Cos apoios que hoxe ten, o Teucro non podería estar en Asobal"
Por Diego Espiño
Nunha tempada complicada, co equipo en lei concursal e co presuposto máis baixo dos últimos anos, a Sociedad Deportiva Teucro parece ter encontrado un fío de luz. No económico primeiro, aprazando e reducindo a súa débeda co proceso concursal, e no deportivo despois, co equipo virtualmente salvado e mirando obxectivos máis ambiciosos. De momento, co triunfo do pasado sábado ante o líder, os de Javier Barrios encóntranse en postos de play-off.
Mentres o técnico azul prefire ir partido a partido o presidente teucrista, Carlos García-Alén, aposta por non se poñer ningún límite.
Esperabas encontrate ao equipo nunha posición tan desafogada?
A idea inicial era facer un equipo para manternos, é o que o trasladamos a Javier Barrios. Fixemos un dos equipos máis novos que tivo a SD Teucro, con menos presuposto e a realidade é que as cousas saíron ben, estamos moi satisfeitos do resultado.
Co equipo en postos de fase de ascenso, é unha quimera pensar na Asobal?
Creo que hai que loitar polo ascenso, optar a estar en Asobal tería máis vantaxes que incovenientes, supoñería xerar máis recursos. Habería problema cos avais pero iso poderíase solucionar.
Coa situación económica da entidade e tendo que afrontar a débeda pendente, necesita o Teucro estar en Asobal para sobrevivir?
Seguro que é máis rendible estar en Asobal que en División de Prata, pero o Teucro está en condicións neste momento de estar en Asobal? Depende dos apoios que teña. Cos apoios que ten hoxe non podería estar en Asobal.
"Hai que deixar de lado esa mochila que cada un leva e lle impide que dar o paso de facerse socio de novo"
E que é o que precisa?
Non ten sentido tirar dun club se non hai respaldo social. O que hai que facer é deixar de lado esa mochila que cada un leva e que lle impide dar o paso de facerse socio de novo e volver ao Pavillón. Un club é un club con independencia da directiva que estea e os problemas que puidese ter, se queremos que o Teucro siga sendo un dos equipos máis antigos de España como non haxa apoio social isto pode romper en calquera momento.
Canta xente ten que ir ao Pavillón para que isto sexa viable?
Falábase da afección do Teucro como a mellor de España, recordo aqueles partidos con ata 4.000 gargantas. Fai falla recuperar parte desa afección, pasar dos 1.000 afeccionados no Pavillón sería un éxito rotundo. Para iso creo que é fundamental que o equipo ilusione e trasladar esa ilusión á cidade. Pontevedra é unha cidade de deporte, temos que intentar arrastrar á cidade.
A punto de saír da lei concursal, como ves o futuro?
O futuro non o vexo negro, creo que estamos a saír do túnel onde estabamos. Temos moitas posibilidades de saír adiante se se fan as cousas con cabeza pero ao final, se as empresas e administracións non axudan e os socios que debían facerse socios non o fan pois é que entón non interesa un club como o Teucro. Demos todos os pasos que tiñamos que dar para garantir a viabilidade do club e agora só se necesitan os apoios necesarios.