O Cerceda examina a reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño
Dura proba para o Pontevedra en Pasarón (domingo, 17:00 horas) ante un Cerceda que parece ir recuperando forza tras o seu mal inicio ligueiro.
Os granates deberán sobrepoñerse unha semana máis ás usencias se queren alcanzar o cuarto posto. Caco, Moisés, Sestelo, Pacheco e Lorenzo non entraron na convocatoria para o encontro e ante as baixas Cristóbal Domínguez e Yago Vázquez perfílanse de novo como titulares no centro da zaga. Milo Abelleira seguirá botando man dos futbolistas do filial despois do seu bo papel en Cangas e a pesar de recuperar a Pablo González, que podería acompañar a Iago Paz no centro do campo como pivote defensivo.
Con esas armas o técnico granate intentará manter a raia a un conxunto que, a pesar de estar en sétimo lugar na clasificación, conta con moita calidade no seu plantel, como recoñece o propio Milo, "es un equipo que ya está ganando, empieza a estar metido y tiene buenos jugadores. Les gusta salir jugando pero ahora mismo ya saben jugar también sobre sus puntas buscando segundos balones y acciones por banda, tienen muchísima velocidad y calidad y hay que intentar mantenerlos lejos de nuestra portería".
O equipo lerezano empezou con forza a segunda volta, un tramo final de competición que, segundo o técnico pontevedrés, vaise complicar co paso das semanas, "sabemos lo difícil que nos fue la primera vuelta y lo complicado que nos va a ser la segunda. Todo el mundo está reforzándose, equipos que están arriba con nostros están buscando tres o cuatro jugadores y nosotros tenemos que tener claro que va a ser mucho más difícil que la primera vuelta".
A convocatoria do Pontevedra compóñena Lloves, Edu, Pablo González, Adrián, Cristóbal Domínguez, Yago Vázquez, Nano, Iago Paz, Tubo, Cristóbal Juncal, Fran Fandiño, Jacobo, Santi Domínguez, Richi, Stefan e Javi Pazos. Este último, ao igual que Edu, acudirá tamén ao partido que este sábado xoga o filial ante o Estradense.
David Pérez á espera e Julio Bayo, ao Bergantiños
A menos dunha semana para o peche do mercado de fichaxes o Pontevedra segue sen dar de alta ningún futbolista que supla o oco deixado por Breogán Pereiro. Os dirixentes lerezanos seguen a sopesar a incorporación do ex-xogador do clube David Pérez, que adestra co resto do equipo dende o inicio da tempada. O que seguro non vestirá a camisola granate é Julio Bayo, centrocampista co que se mantiveron negociacións tras desvincularse precisamente do próximo rival, o Cerceda, pero que se comprometeu ata final de tempada co Bergantiños.