A Xuíza ÿnica castiga ao Villalonga horas antes de xogar en Pasarón
Por Diego Espiño
"Hai algo que me da pena, vese que é unha represalia do que pasou coa suspensión do partido co Pontevedra". Así de contundente se mostrou José Fernández Salgueiro "Xexo", director deportivo do Villalonga tras coñecer as sancións impostas pola Xuíza ÿnica de Competición despois do último enfrontamento ligueiro en Carballo ante o Bergantiños.
"Isma dixo que era un atraco pero que lle carguen tres partidos é unha verdadeira salvaxada"
A Xuíza impuxo un castigo de tres partidos ao defensa Ismael Quintas por "dirixirse aos árbitros en termos ou actitudes de menosprezo ou desconsideración". Ismael, que se encontraba no banco, protestou as últimas decisións arbitrais que supuxeron a remontada do Bergantiños no tempo de desconto, como recoñece o director deportivo do clube, "o acta pon que Isma dirixiuse aos árbitros dicindo que era un atraco, pero que lle carguen tres partidos é unha verdadeira salvaxada".
Ademais de Ismael, as sancións esténdense ao delegado do Villalonga, Xosé Camiña, e ao fisioterapeuta, Brais Sánchez, aos que se lles impuxeron dous partidos de suspensión, "Brais tirou o recipiente co xeo ao campo e Camiña reclamou o desconto, pero nin sequera se manifesta no acta".
Para rematar o capítulo de baixas, Jacobo Molina tampouco poderá contar co seu gardameta titular, Roberto Pazos, ao confirmarse a súa sanción dun encontro tras ser expulsado por dobre amoestación, mesmo castigo imposto ao xogador do Pontevedra Adrián Gómez.
Pontevedra-Villalonga ás 21:00 horas en Pasarón
No plano estritamente deportivo o Villalonga visita este mércores (21:00 horas) o Estadio Municipal de Pasarón para disputar o encontro aprazado no seu día polo mal estado do terreo de xogo.
Ás baixas por sanción únense as ausencias nos granates de Moisés e Breogán Pereiro, ademais da de Pacheco. Milo Abelleira convocou o resto de futbolistas incluídos os mancados Caco e Tubo, que realizarán unha proba dúas horas antes do partido co médico do clube, Alberto Domínguez, despois de completar o último adestramento co resto dos seus compañeiros.
Pola súa banda, no equipo sanxenxino, Jacobo Molina terá a ausencia de Roberto Piñeiro, descartado, e mantén a dúbida de Fran Matos. Tampouco poderá participar o recén fichado Jorge Fernández, procedente do Rápido de Bouzas.