O Leis segue a bo ritmo e o Bueu suma o seu primeiro triunfo da tempada
Por Redacción
Lanzado comezou a tempada o Leis Pontevedra na Segunda División B de fútbol sala. Os de Manu Cossío lograron en Palencia o seu segundo triunfo a domicilio para manterse invicto e ascender á terceira praza da clasificación.
Os pontevedreses mostraron a súa cara máis efectiva en ataque para volver cos tres puntos da súa visita ao Guardo (3-6).
O resultado reflicte un partido máis cómodo do que realmente foi para o Leis, que marcou a pauta no marcador pero que viu como os locais igualaban ata en tres ocasiones.
Non foi ata o minuto 38 cando os de Manu Cossío puideron respirar tranquilos. Os goleadores da xornada foron Raúl Jiménez (2), Miguel, Gustavo, Barcala e Pablo Durán.
Pola súa banda o ADFS Bueu conseguiu na casa, no Pabellón Pablo Herbello, o seu primeiro triunfo liguero para ascender á metade da táboa.
Logrouno ante o Cistierna castelán-leonés (6-3) nun partido no que se repuxeron ao gol inicial dos visitantes para mandar durante boa parte do choque pese a non ser a súa mellor tarde, con varios erros que permitiron accións perigosas do rival.
Adri (2), Alexis (2) e Víctor Méndez foron os goleadores no Bueu, cuxo sexto tanto foi en propia porta por parte dun futbolista do Cistierna.