Probar o circuíto de Río 2016, obxectivo de Gómez Noya no test olímpico
Por Diego Espiño
Javier Gómez Noya abandona por uns días a súa preparación para o tramo final da tempada nas Series Mundiais, que volven o 22 de agosto en Estocolomo, para poñer a súa mente noutro obxectivo, o único que falta no seu espectacular palmarés, o ouro olímpico.
O triatleta galego competirá o próximo domingo 2 de agosto (17:30 hora española) no test olímpico de Río de Janeiro, que se disputará no circuíto deseñado para os Xogos de 2016.
Por iso, aínda que non sexa unha proba puntuable, os grandes nomes internacionais desprazáronse a Brasil para coñecer de primeira man o trazado olímpico e sacar as súas primeiras conclusións.
Algunhas federacións, previsiblemente non no caso de España ao ocupar actualmente os seus triatletas os primeiros postos do ranking mundial, xogaranse ademais a clasificación olímpica, o que eleva o nivel do test.
A coñecida praia de Copacabana será o epicentro da proba. Alí nadaranse os 1.500 metros do primeiro sector, no que se esperan ondas considerables e alta temperatura da auga.
Pola súa banda o sector de ciclismo transcorrerá por un circuíto de 5 quilómetros, ao que haberá que dar oito voltas, cualificado pola Fedetación Internacional como "técnico, angosto e con subas".
Por último os 10.000 metros a pé serán chairos e terán como escenario de fondo a mítica praia brasileira.
Entre os inscritos para o test olímpico figuran os españolas Mario Mola e Fernando Alarza, o británico Alistair Brownlee, os irmáns Polyanskiy, Richard Murray ou Richard Varga, entre outros, sendo a principal ausencia a de Jonathan Brownlee, que se perderá o que resta de tempada por lesión.
Relacionadas:
-
Gómez Noya vese "con opcións de volver gañar o Mundial e non o vou desaproveitar"
Por Diego Espiño |
-
Recital de Gómez Noya no test olímpico de Río de Janeiro
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya, pregoeiro das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Javi Gómez Noya é segundo en Hamburgo e mantén o liderado nas Series Mundiais
Por Redacción |