Óscar Graña e Ramón Ferro, campións de España en Pontevedra e praza para Europeo e Mundial
Por Redacción
O Campionato de España de Piragüismo Maratón despediuse cunha segunda xornada de competición en augas do río Lérez na que brillaron os padexeiros pontevedreses.
Tras as regatas individuais e de veteranos, disputadas o sábado, era a quenda das embarcacións dobres.
O circuíto deseñado no tramo urbano do Lérez luciu como nunca nunha xornada de grandes batallas nas categorías de C-2 e K-2.
Na canoa os máis rápidos foron Tono Campos (Breogán do Grove) e José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos), superando nos últimos compases ao pontevedrés Óscar Graña e o arousano Ramón Ferro (Kayak Tudense).
Ambas as dúas tripulacións lograron ademais a súa clasificación directa para os próximos Europeo e Mundial, pero o título de campións de España foi parar a Graña e Ferro por ser os primeiros piragüistas do mesmo equipo.
A loita polo triunfo foi máis intensa se cabe no kaiak, onde os máis rápidos foron Iván Alonso e Emilio Merchán, que representan a clubs distintos. Tras eles chegaron Water Bouzán xunto ao pontevedrés Álvaro Fernñandez Fiuza, facéndose ambos os dous coas prazas para as próximas citas internacionais.
Sen embargo o título nacional foi parar á terceira parella en discordia, a composta por Antonio Palmás e Brais Sánchez (Club Piragüismo Vilaboa).
Tamén houbo representación galega no podio do K-2 feminino, con Rebeca Laurijssen e Ángela Baulde (As Torres Romería Viquinga) na terceira praza.