Arxil e Cortegada preparan un derbi clave para estar no play-off de ascenso
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá o próximo sábado (19:30 horas) un apaixonante derbi provincial de Liga Feminina 2 entre Arxil e Cortegada de Vilagarcía.
Ademais da igualdade propia dos encontros recentes entre ambos os dous equipos, como o triunfo verde na primeira volta en Fontecarmoa (65-69), o choque ten o aliciente da loita por estar no play-off de ascenso á máxima categoría.
O Arxil, terceiro con 12 triunfos, parte con vantaxe con respecto ás vilagarciás, cuartas con 11, pero a derrota do Cortegada ante o Celta (quinto clasificado con 10 vitorias) a pasada fin de semana apertou a loita pola fase de ascenso.
Por iso o equipo que logre vencer no derbi dará, a falta de seis xornadas para a fin da liga regular, un paso de xigante nese obxectivo.
No club verde son concientes diso, polo que solicitaron o apoio dos seus afeccionados para o choque do sábado, no que esperan recuperar a súa mellor versión tras dúas derrotas consecutivas e un apurado triunfo en Valladolid.