O Arxil, con todo o seu potencial dispoñible para recibir o ADBA Avilés
Por Redacción
Fin ao culebrón Fallon Lewis no Club Baloncesto Arxil. A estadounidense chegará a Pontevedra este venres despois de que a entidade pontevedresa buscase contra reloxo unha fórmula que permitise á súa xogadora regresar a España o antes posible.
Ao final Lewis, que leva tres semanas no seu país intentando solucionar uns problemas burocráticos, subirá a un voo que a traerá ata Porto e que permitirá que se incorpore á disciplina do equipo no último adestramento da semana.
Mayte Méndez recupera así unha fixa nas súas rotacións e un dos piares da boa tempada do conxunto verde, que sen ela na cancha perdeu de xeito claro o seu primeiro partido do ano ante o Bizcaia.
Con Lewis en pista e sen problemas co equipo habitual o Arxil buscará ante o ADBA de Avilés o seu primeiro triunfo de 2015 para manterse na zona de play-off de ascenso.
O encontro xogarase o sábado ás 19:30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.