Aarón González proclámase na Coruña campión galego de boxeo olímpico
Por Redacción
Galicia ten novo campión de boxeo olímpico. O marinense Aarón González gañou este título tras vencer a Saúl Garcio nun combate celebrado no pavillón do Barrio das Flores (A Coruña). ÿ o seu terceiro triunfo consecutivo, pero o primeiro que logra na nova categoría na que compite, o peso superlixeiro -64 quilogramos.
O seu rival era o campión desta categoría e, ademais, competía ante a súa afección.
Foi un combate épico o que tivo que disputar o boxeador do Rebouras Team. Tivo que remontar un primeiro asalto moi difícil, xa que o seu rival saíu a por todas. O marinense saltou ao ring bastante frío e pagouno cun primeiro parcial no que o coruñés foi moito mellor.
Pero tras o primeiro descanso, Aarón cambiou de mentalidade e o seu boxeo foi de menos a máis. A metade do segundo asalto o combate xa estaba igualado e a partir de aí empezou unha guerra que se decantou por parte do de Marín. No terceiro asalto un ritmo vertixinoso de combate e un cruzamento de golpes constante fixo que a superioridade técnica e física do boxeador adestrado por Antonio Rebouras se fixese notar e o título se viñese para o sur.
"Foi un gran combate, unha gran final e un título moi ben pelexado, moi difícil pola gran baixada de peso, pola dificultade do rival que era o campión actual nese peso e moi difícil por darse a batalla en terreo hostil", recoñeceu o propio Aarón González tras a pelexa.
Este título permítelle o pase aos campionatos de España de boxeo elite e unha oportunidade de seguir na elite deste deporte a nivel nacional.