Tercera vitoria consecutiva para un Marín Peixe Galego que dobrega na Raña (87-79) o Basquet Pla
Por Redacción
O Marín Peixe Galego parece estar a vivir un momento doce na tempada. Os homes de Javier Llorente lograron este sábado a súa terceira vitoria consecutiva. A Raña foi testemuña do triunfo dos seus ante o Opentach Baquet Pla balear, ao que derrotaron por oito puntos de diferenza, 87-79.
E iso que o partido non comezou nada ben para os locais. O Basquet Pla, que chegaba a Marín moi necesitado de vitorias, imprimiu un gran ritmo de xogo dende o primeiro minuto. Apoiados nun excepcional McKeither -o estadounidense anotou 26 puntos en total- e o seu acerto nos triplos, os baleares avisaron os marinenses de que o partido ía estar tremendamente disputado.
Pero o Peixe Galego non se deixou asustar e logrou que, ao termo do primeiro cuarto, a vantaxe visitante fose só de dous puntos (22-24). Nada máis comezar o segundo parcial, o equipo galego situouse por diante no marcador e pasou a levar a iniciativa durante o resto do partido. Ao descanso, os marinenses xa vencían por oito puntos (42-34) e a diferenza creceu aínda máis no terceiro cuarto, chegando aos últimos dez minutos cun 62-49 no marcador.
O poderío ofensivo dos azuis, con catro xogadores por enriba dos dez puntos, permitiulles chegar ao último parcial con tranquilidade. Esa certa relaxación, especialmente en defensa, permitiu aos visitantes maquillar lixeiramente o resultado e con 30 puntos neste cuarto tempo logrou que o electrónico reflectise o 87-79 definitivo.
Con esta vitoria, o Marín Peixe Galego segue ascendendo postos na clasificación da Adecco Plata. Tras dez xornadas de liga ocupan a sétima posición, posto de playoff de ascenso, con cinco vitorias e catro derrotas.
MARÍN PEIXEGALEGO (87): Darío Suárez, Rogers (10), Azotam (16), Javier Medori (4), Blair (9) -cinco inicial- Manu Ferreiro (8), Víctor García, Podkovyrov, Gregorio Adón (5), Izquierdo (10), Al Rapier (17), Norman Rey (8).
OPENTACH BASQUET PLA (79): McKeither (26), Riera (9), Johnson (10), Alberto Ausina (14), Corbacho (11) -cinco inicial- Sergio Rodríguez, Gabi Torres (3), Gregorio Domínguez (2), San Emeterio (4), Alberto García.
Árbitros: González Cuervo e Mendoza Holgado. Eliminaron por faltas personais a Gregorio Adón polo equipo local.
Parciais: 22-24, 20-10, 20-15, 15-30.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón da Raña (Marín).