O Poio FS desperdicia dous goles de renda e sofre a súa segunda derrota ligueira (6-2) en Majadahonda
Por Redacción
Non gañara aínda ningún partido o Majadahonda, que ocupaba postos de descenso. Por se fose pouco o Poio FS adiantábase no marcador aos 20 segundos de xogo por mediación de Yoly, que aproveitaba un balón solto na área local. Pouco despois era Souza quen facía o segundo tanto visitante, pero non foi suficiente. As madrileñas fóronse a polo partido e conseguiron darlle a volta ao marcador na segunda metade, ampliando a súa vantaxe cando o equipo de Morenín recorreu ao xogo de cinco en busca de equilibrar a balanza.
Recortaba distancias o equipo local por medio de Marta Rodríguez, despois dun centro en xogada persoal pola á de Elena Mateo. Dous minutos máis tarde, Lauri sorprendía a Silvia facendo o empate dende a súa propia cancha. Con todo igualado, o partido convertíase nun intercambio de chegadas sobre ambas as dúas portarías.
Xa na segunda parte, o Majadahonda daba a volta ao marcador con dous goles case seguidos de Marta Rodríguez, de disparo exterior e de Marta Mateo ao segundo pau, que facían que Morenín ordenase o xogo de cinco, que non deu resultado e permitiu que Gabi, libre de marca, a pase de Elena, ampliase a renda dun Majadahonda cada vez máis cómodo.
Superada a metade do período final e ante o desacerto na finalización do Poio chegaba o sexto gol madrileño, obra de Elena Mateo de tiro cruzado raso. O Poio non baixou os brazos pero a súa falta de acerto e o maior control do xogo do Majadahonda, permitíalle ao equipo madrileño estrear a súa cuadrícula de vitorias.
MAJADAHONDA (6): Lauri; Marta Mateo, Elena Mateo, Marta Rodríguez, Celia -cinco inicial-, Gabi, Martita e Mónica.
POIO FS (2): Silvia; Yoly, Claudia, Souza, Elena -cinco inicial-, Nerea, Charo, Paloma, Jenny e Tania.
Árbitros: Martín Sanz e Sánchez Herrero (Madrid). Amoestaron a Elena Mateo e Marta Mateo, no Majadahonda e a Silvia e Yoly, no Poio. Expulsaron o delegado do Poio.
Goles: (0-1) Minuto 1: Yoli. (0-2) Minuto 8: Souza. (1-2) Minuto 9: Marta Rodríguez. (2-2) Minuto 11: Lauri. (3-2) Minuto 23: Marta Rodríguez. (4-2) Minuto 25: Marta Mateo. (5-2) Minuto 28: Gabi. (6-2) Minuto 33: Elena Mateo.
Incidencias: Pavillón Municipal La Granadilla (Majadahonda). Uns 500 espectadores.