O TM Monte Porreiro arranca con forza unha nova tempada na División de Honra
Por Redacción
De momento a clasificación é circunstancial, pois conta con dous partidos máis que os seus inmediatos perseguidores, pero o equipo masculino do Tenis de Mesa Monte Porreiro arrancou con forza a tempada e situouse no liderado do Grupo I da División de Honra.
O conxunto lerezano suma tres triunfos nos seus catro primeiros enfrontamentos, un inicio esperanzador que sobre todo achega tranquilidade ao equipo.
Tras unha primeira xornada na que derrotaron de xeito contundente ao Club de Mar de Coruña, a pasada fin de semana tiveron que afrontar un calendario esixente con tres encontros en terras catalás.
O particular maratón iniciouse na mañá do sábado ante o Calella de Barcelona, onde os pontevedreses gañaban por 1-3 pero que tiveron que rematar finalmente co dobre formado por Nacho Fernández e Dani Conic para apuntarse un apurado triunfo.
A pesar dos problemas físicos de Nacho Fernández e tamén de Santi Prieto os deportistas lerezanos botaron o resto esa mesma tarde ante o poderoso L'Escala de Girona, pero remataron cedendo por 5 a 1.
A fin de semana concluíu na mañá do domingo ante o Falcons de Sabadell, un encontro de novo apertado e que con empate a tres puntos se decidiu no dobre, onde a parella do Monte Porreiro non deu opción pechando a segunda vitoria en tres partidos en Cataluña.
A próxima xornada os pontevedreses recibirán no pavillón de Príncipe Felipe ao Irún Leka Enea, será o próximo domingo 19 de outubro dende as 11:00 horas, mesmo día e hora na que debutará o equipo feminino ante o Oroso.