Tenis, ximnasia acrobática e taekwondo compoñen a oferta das escolas deportivas de Ponte Caldelas
Por Redacción
Tres deportes compoñerán a oferta das escolas deportivas de Ponte Caldelas no seu segundo ano de funcionamento.
Repetirán o tenis, a ximnasia acrobática e o taekwondo, modalidades que conseguiron o pasado ano un número mínimo de participantes para a súa posta en marcha.
Co renovado pavillón de deportes como escenario, nenos dende os 4 anos poderán participar das actividades, cuxo prazo de incripción xa se habilitou.
Desta forma a escola de tenis, impartida polo Club de Tenis Ponte Caldelas, acollerá nenos dende os 5 anos de idade coa posibilidade de asistir ás clases dous días á semana. O custo fixarase en función das horas nas que participe cada alumno, os mércores de 15:45 a 17:45 horas e os venres de 17:00 a 21:00 horas.
Pola súa banda na escola de ximnasia, na que colabora o Club Ximnasia Treboada, poderán participar nenos entre os 4 e os 14 anos cun custo de 15 euros ao mes, aos que hai que engadir 30 euros en concepto de ficha. Impartirase os martes e xoves de 16:30 a 17:30 horas.
En canto ao taekwondo, a cargo da Federación Galega e a Escola Deportiva de la Deputación, está dirixida a nenos entre os 6 e os 11 anos cun custo mensual de 10 euros. As clases fixáronse os luns de 17:00 a 19:15 horas e os mércores de 18:00 a 19:30 horas.
As inscricións deben formalizarse nas oficinas habilitadas no Concello de Ponte Caldelas.