O "I Open Internacional de Xadrez" rende homenaxe a Ramón Escudeiro
Por Redacción
A traxectoria de Ramón Escudeiro Tilve, un singular mozo pontevedrés que a pesar da súa cegueira destacou na práctica do xadrez e o judo, terá unha merecida homenaxe coa celebración do I Open Internacional de Xadrez "Memorial Ramón Escudeiro Tilve". O torneo terá lugar nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial entre os días 5 y 9 de decembro.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou a iniciativa acompañado do presidente do Mercantil, Roberto José Vega, o directivo, José Amaro e do presidente do club escola Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera.
Ramón Escudeiro, cego dende os dous anos, faleceu o pasado mes de xullo. Da súa valía dá conta o feito de que chegou a disputar varias simultáneas de xadrez conseguindo colgarse a medalla de bronce no Campionato do Mundo junior de Judo para cegos. O seu repentino pasamento, cando só contaba con 20 anos, impediulle cumprir o seu sono de participar nos Xogos Paralímpicos de Río 2016.
Agustín Fernández aplaudiu a idea deste torneo. Cualificouno como unha "fermosa homenaxe a un rapaz exemplo de motivación e superación".
Daniel Rivera destacou que Ramón estudaba tamén Fisioterapia e era membro dunha banda de "Metal". Neste torneo participarán destacados mestres nacionais como Juan Carlos Gil e o campión galego Pablo García. Tamén está confirmada a asistencia dunha importante delegación da ONCE.
As partidas poderán presenciarse "on-line" na web do club: www.xadrezpontevedra.com.
O torneo repartirá un total de 875 euros en premios e material didáctico e xogarase polo sistema suízo a sete rondas. O primeiro clasificado xeral levará 250 euros máis trofeo, con premios en metálico ata o sétimo clasificado. Os dous primeiros clasificados en amateur obterán 100 euros máis trofeo e 50 euros, respectivamente, mentres nas categorías de sub 16 a sub 8 haberá medalla e material didáctico.
Concederase tamén o premio Ramón Escudeiro Tilve á mellor partida de ataque. Para optar, o xogador interesado deberá entregar a partida candidata, convenientemente analizada, antes da sexta rolda. A organización designará un xurado para outorgar este premio especial.
Os emparellamentos serán aleatorios e decididos por un programa informático homologado. No caso de superar os 70 participantes engadiríase unha rolda o día 9 pola tarde, cunha cifra máxima dun cento de xadrecistas.
As inscricións poden realizarse no enderezo: escola@xadrezpontevedra.com, ou no teléfono 650645318.