Viaxe sorpresa a Zurich para o adestrador do saltador marinense Jean Marie Okutu
Por Anxo Lourido
Jean Marie Okutu, o atleta marinense que o venres se enfrontará ao reto máis importante ata a data da súa carreira no Campionato de Europa de Atletismo ao aire libre en Zurich, poderá contar coa presenza do seu adestrador para intentar conseguir un salto de 8,20 metros. O preparador Javier Medrano contaba con ver a proba dende casa a través da televisión despois de que a Federación Galega rexeitase financiar este desprazamento alegando motivos económicos.
Finalmente, o empresario pontevedrés Ricardo Tilve decidiu custear esa viaxe. O anuncio realizouse nun acto que se desenvolveu no Hotel Campaniola, no que se realizou tamén unha homenaxe á tempada que está a realizar a atleta de Cangas, Solange Pereira, que logrou a medalla de prata en 1.500 metros no Campionato de España de Atletismo no mes de xullo.
Para Jean Marie Okutu, a presenza do seu adestrador durante a competición europea será moi importante xa que afirma que o seu obxectivo real é "pasar la clasificación bien y en la final obtener un buen puesto". O seu reto é obter un salto de 8,20: "lo veo una marca muy factible, porque estoy entrenando bien y en el Campeonato de España hice un nulo largo", afirma convencido de que poderá obter unha marca similar na proba que disputará o venres 15 a partir das 19.30 horas. O atleta afincado en Marín afirma que a marca dos 8,01 metros que lle deu o plus de alto nivel no campionato galego disputado en Pontevedra lle ofrece moita confianza e asegura que pasará a proba eliminatoria para, na final, "pelear cada centímetro y estar arriba como sea".
Este atleta que cumpriu recentemente 26 anos ten a vista posta na Olimpíada de Río dentro de dous anos.
HOMENAXE A SOLANGE PEREIRA
A atleta de Cangas, Solange Pereira, tamén recibiu unha homenaxe de compañeiros e amigos. O adestrador, Gonzalo Méndez, destacou a evolución da deportista ao longo deste ano e cualificouna como "a mellor nos 1.500 metros" tras lograr a medalla de prata no Campionato de España disputado en Alcobendas a finais de xullo.
O seu próximo obxectivo será o campionato de España de cross, aínda que recoñece que é unha proba que lle custa "un poquillo" e na clasificación para o Europeo de pista cuberta.
Solange Pereira converteuse nunha atleta de referencia na loita contra a dopaxe, tras fotografarse cunha pancarta nese Campionato de España na que se lía "a dopaxe é para perdedores" e o "deporte limpo é para valentes".