David Cal, Diego Romero e Tono Campos triunfan no selectivo de Pontevedra e irán ao Mundial de Moscú
Por Redacción
David Cal, Diego Romero e Tono Campos lograron praza para o Campionato do Mundo que se disputará en Moscú entre os días 6 e 10 de agosto. Fixérono durante o control selectivo de canoas que se disputou no encoro pontevedrés de Verducido. Segundo destaca a Federación Galega de Piragüismo, xunto con Yeray Picallo e André Oliveira, que tamén lograron a clasificación en Pontevedra, son xa cinco os padexeiros que estarán no Mundial.
David Cal sacou o seu billete mundialista na modalidade de C-1 1.000 metros, unha distancia na que superou a José Luís Bouza, Sergio Vallejo e José Manuel Sánchez. Saíu moi forte e impuxo o seu ritmo desde os primeiros douscentos metros. José Luís Bouza foi o que resistiu o seu empuxe, pero non chegou a tempo para arrebatarlle a primeira posición.
Ao remate da proba, o pontevedrés afirmou que "esperaba más dificultades, fue más fácil de lo previsto". O padexeiro, que regresa este mesmo domingo a Brasil para seguir adestrando ás ordes de Suso Morlán, engadiu que "continuaré mi preparación en Brasil y veremos en qué estado de forma estoy para el Mundial".
En C-1 5.000 metros foi Diego Romero o que se impuxo a José Luís Bouza e Tono Campos. Os tres estiveron xuntos case toda a proba. Pero ao iniciarse a última volta e tralo paso pola boia, Tono Campos caeu á auga e retirouse da competición. Diego Romeu adquiriro unha vantaxe que foi capaz de manter ata a chegada.
Xunto a Tono Campos, Diego Romero logrou praza tamén no Mundial en C-2 1.000 metros. No control selectivo desta distancia tiveron que empregarse a fondo, xa que André Oliveira e Yeray Picallo obrigáronlles a non relaxarse. Os gañadores entraron na liña de chegada con pouco máis dun segundo de vantaxe sobre os seus rivais. Máis distanciados quedaron Brais Casas e David Costa.
Precisamente André Oliveira e Yeray Picallo foron os que se impuxeron en C-2 200 metros. Tamén tiveron que sufrir. Adrián Sieiro e Jacobo Lores loitaron ata o último instante. A diferenza entre as dúas embarcacións foi dun segundo. Brais Casas e David Costa quedaron a tres segundos dos gañadores.
Pola súa banda, no embalse de Trasona (Asturias) disputouse o control de kaiak. Nel, ningún piragüista galego logrou o pase á cita mundialista. A padexeira do Breogán do Grove, Natalia García, que competía acompañada de Carla Pérez Coya, non logrou o seu obxectivo en K-1 200. Camila Morrison e Raquel Dacosta tampouco o alcanzaron en K-2 200 metros, do mesmo xeito que Carlos Pérez Rial, segundo en K-1 200; ou Carlos Arévalo e Cristian Toro