Os atletas da Gimnástica destacan nas probas da fin de semana
Por Redacción
Fin de semana de actividade variada para os atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Se na pasada semana Eduardo Suárez asinou un brillante segundo posto na milla de Xixón, sete días despois volveu subir ao caixón noutra milla do calendario nacional, tamén en terras asturianas, sendo terceiro na de Avilés.
Os 1.609 metros de Avilés presentáronse moi atractivos. Na carreira feminina, a galega Solange Pereira, volveu levarse a vitoria por terceiro ano consecutivo, mentres que na masculina se impuxo o internacional David Bustos, nun apertado sprint no que Eduardo Suárez rematou nunha magnífica terceira posición.
VÍCTOR GALLEGO AFINA A SÿA FORMA EN VILA NOVA DE CERVEIRA
Varios lanzadores da Gimnástica desprazáronse á localidade portuguesa de Vila Nova de Cerveira, para participar noutra xornada máis da competición de lanzamentos, que hai anos organiza o Club Lovelhe. Nesta ocasión destacar a participación de Víctor Gallego, que fixo a súa mellor marca da tempada con 53.98 no disco. Víctor quedou segundo por detrás do francés, Lolassom Djouman, que lanzou 56 metros.
Outros atletas que fixeron bos resultados foron Martín Brea, con 46.36 no disco, Carlos Ferrer, con 42.32 no martelo de 6 quilos, e Ana Abuín, gañando a xavelina de 500 gramos e lanzando o martelo ata os 30.92.
JAVIER PAREDES, TERCEIRO EN QUIROGA
A localidade ourensana de Quiroga celebrou a décima edición da súa carreira popular, coa presenza de preto de 500 corredores entre todas as categorías.
Cun total de 9 quilómetros nun circuíto ao que había que dar varias voltas, a proba resultou moi seguida polos veciños da localidade que animaron a todos os corredores. O atleta da Gimnástica, Javier Paredes, non tivo o seu día a pesar de que levaba un mes de bos adestramentos, non se encontrou cómodo, pero aínda así pelexou polo podio, que conseguiu cunha estupenda terceira posición na liña de meta.