Do campus pontevedrés ao máis alto do balonmán mundial
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Aitana Santomé e Maider Barros. Son as dúas estudantes do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que acaban de proclamarse campioas do mundo de balonmán universitario. Fixérono coa selección española en Antequera (Málaga).
Ambas as dúas alumnas do campus de Pontevedra viñan de tomar parte na mellor temporada na historia do Balonmán Porriño, na que remataron cuartas na Liga Guerreras Iberdrola, e afrontaban con moita ilusión a súa convocatoria para o mundial universitario.
A selección iniciaba o torneo universitario cunha ampla vitoria sobre India, á que derrotaba por 63-11 no primeiro partido da fase de grupos. Posteriormente medíronse á que sería a súa rival na final, Francia, nun partido que rematou cun empate (27-27).
Xa en semifinais, a selección universitaria lograba unha cómoda vitoria fronte á República Checa (27-14), conseguindo o seu pase para a final deste domingo.
Nela, o equipo español logrou alzarse co ouro superando a Francia por 32-24, nun partido no que o equipo español abriu pronto distancias no marcador tras uns primeiros minutos moi intensos e de moita igualdade.
Deste xeito, España alzábase co ouro no mundial universitario por segunda vez na súa historia, tras o acadado en 2016, tamén en Antequera.