Un autogol no 88 priva do triunfo o Pontevedra en Aranda de Duero (1-1)
Por Diego Espiño
Unha xornada menos para o final de liga en Segunda RFEF, xa só quedan cinco, e o Pontevedra mantense no liderado, pero faino co seu sabor amargo por deixar escapar no campo da Arandina, pechacancelas da categoría, un triunfo que tiña na súa man.
Foi un encontro serio e con máis apuros dos previstos para os de Yago Iglesias, a pesar de que tomaron en serio o seu rival e ás dificultades que plantexaba o terreo de xogo do Estadio Juan Carlos Higuero de Aranda de Duero, moi irregular e que complicaba a circulación de balón e o xogo combinativo.
Foi o cadro local o primeiro en avisar, cando se cumpría xusto un minuto de xogo, nunha chegada de Frodo á área que finalizaba un disparo cruzado que atrapaba seguro Edu.
A Arandina trataba de dificultar a saída de balón do Pontevedra, e lográbao nos primeiros minutos cos de Yago Iglesias tendo problemas para cruzar ao campo contrario. Certo é que tampouco sufrían en exceso, máis aló dos saques de banda que o local Pesca era capaz de poñer na área case coma se dun corner se tratase.
Tardou 12 minutos o equipo da Boa Vila en pisar área contraria, nunha internada de Charly que non chegou a rematar. Pero a tendencia empezou aos poucos a variar cos pontevedreses gañando metros.
Avisou Garay no minuto 26, chegando con perigo ao espazo e aproveitando un bonito servizo de Chiqui. Non acertou o lateral no remate, pero si o fixo tres minutos despois Álex González para colocar o 0-1. Corría o minuto 29 e Charly recibía o coiro pegado á liña de cal do costado esquerdo, levantaba a cabeza e vía a entrada do sete poñéndolle o coiro ao lugar xusto para que o capitán rematase de primeiras ao fondo da rede, superando a un gardameta local que a tocou pero non puido evitar o tanto.
Os granates, sólidos, viron como pasaban os minutos ata o descanso sen apenas opcións para a Arandina, que só se achegou nun remate afastado pero centrado de Vitolo detido por Edu.
Todo ese control que parecía exercer o Pontevedra esfumouse no inicio do segundo acto. Empezaron a sufrir os granates por momentos, aínda que puideron sentenciar antes de todo iso, no minuto 51, nun balón recibido por Charly no punto de penalti que tras revolverse o dianteiro e disparar á media volta estrelábase na madeira.
O 0-2 estivo preto e na seguinte acción puido chegar de novo, pero o coiro quedóuselle atrás a Bastos e o que puido ser o segundo converteuse na mellor ocasión para a Arandina. O despexe da defensa cazábao no círculo central Gonzalo, íase habilidosamente de Churre e Mario Gómez e encaraba a Edu Sousa. A fortuna púxose de lado dos visitantes, e é que xusto cando o atacante ía rematar o esférico fixo un estraño no bote abortando o perigo.
Chiqui tivo tamén o gol, obrigando a lucirse a Moha, e como antes os locais reaccionaron cunha dobre ocasión coa que rozaron o empate. Primeiro na cabeza de Gonzalo e sobre todo, no 60, nunha falta lateral que puxo Kevim, Haji amornou ao segundo pau e Santa, con todo a favor, rematou milagrosamente fóra.
Yago Iglesias vía que necesitaba baixar as revolucións do partido e recuperar algo de control, e reaccionaba metendo no campo da Samu Mayo en lugar de Dalisson. Lograba o seu obxectivo e aínda que o apertado do marcador mantiña a emoción e a incerteza, as augas volveron aos poucos ao seu leito.
Faltaba que os minutos fosen pasando para esgotar o tempo, e así foi ata que no minuto 88 unha acción a balón parado mal defendida castigaba o Pontevedra co empate. Raly poñía un bo centro desde a esquina, Edu dubidaba e Garay, tentando evitar o remate, introducía o coiro na súa propia portería.
Aínda tivo tempo Rufo para lograr un agónico tanto para levar os tres puntos. O seu remate ao centro de Garay marchou desviado confirmando un empate que aínda que pode saber a pouco permite os granates seguir no primeiro posto unha semana máis, sen mirar aos resultados dos seus rivais.
ARANDINA CF (1): Moha, Varona (Zazu, min.80), Pesca, Vitolo (Adri Pérez, min.66), Frodo (Raly, min.80), Santa, Otu, Javi Bueno, Kevin Manzano, Gonzalo, Haji (Nico Díaz, min.66).
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Garay, Churre, Mario Gómez, Álex González, Borja Domínguez, Dalisson (Samu Mayo, min.66), Yelko Pino, Bastos, Chiqui (Zabaleta, min.75), Charly (Rufo, min.75).
Árbitro: Mario Pacheco Cotero, auxiliado por Campelo Núñez e Cruz Trueba (Cantabria). Amoeestou a Otu, Pesca e Vitolo na Arandina e a Álex González no Pontevedra. Expulsou por vermella directa a Átomo nos locais, que se atopaba no banco.
Goles: 0-1 Álex González (min.29); 1-1 Garay, en propia meta (min.88).
Incidencias: Partido da xornada jornada 29 de liga no Grupo I de Segunda RFEF disputado no Estadio Juan Carlos Higuero de Aranda de Duero.
Relacionadas:
-
Yago Iglesias: "Se algún granate exponse a idea de apoiar o equipo que non dubide. Estamos a pouco de conseguir algo moi importante"
Por Almu Dapena |
-
Terceiro partido da tempada para o Pontevedra co mesmo colexiado
Por Redacción |
-
O ascenso pasa polo Estadio Municipal de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Rufo adáptase ao seu novo rol no Pontevedra: "Tócame apoiar o equipo, seguir traballando e poñelo difícil"
Por Diego Espiño |
-
Borja Domínguez consolídase no once do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras o empate en Aranda: "Cando tes os tres puntos e escapan doe"
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias e o as baixo a manga para o final de liga: "Esperamos que a Marea Granate se mova connosco"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa e o Pontevedra non se fían do pechacancelas Arandina: "Creo que é unha saída complicada"
Por Diego Espiño |
-
Emotiva homenaxe do Pontevedra a Lusquiños, técnico da base recentemente falecido
Por Diego Espiño |
-
Aranda de Duero, a 'última' viaxe da tempada para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Clasificados xa matematicamente para o play-off... e para a Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Moitas ocasións e poucos goles ante o Marino dun Pontevedra que xa é líder en solitario (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |