Triunfo dos homes da Sociedad Gimnástica no Campionato galego de campo a través
Por Redacción
Oito anos. ÿ o tempo que tivo que esperar a Sociedad Gimnástica para volver proclamarse campión galego de campo a través en categoría masculina. Un título que suma ao título autonómico no cross curto, repetindo o doblete logrado en 2006. Co mesmo equipo do ano pasado, salvo a incorporación de Víctor Riobó, o equipo pontevedrés sumou 15 puntos fronte aos 64 do segundo clasificado, Corredores Pedro Nimo.
A vitoria pontevedresa en Negreira cimentouse grazas a que o groso do equipo mantívose na cabeza da carreira en todo momento. Nos quilómetros finais algúns cederon un pouco, pero o peor atleta dos seis que integraron o equipo, Rafael Fuentes, entrou no posto décimo quinto. Puntuaron para o equipo Robertas Geralavicius, segundo; Víctor Riobó, terceiro; Rubén Diz, cuarto e Javier Paredes, sexto; ademais Ramón Serantes foi décimo.
No campionato individual, Víctor Riobó foi segundo, detrás do gañador absoluto, Pedro Nimo, e Rubén Diz, logrou a medalla de bronce.
Por parte das mozas, foi destacable a actuación de Laura Goñi, que foi a sétima na categoría Promesa e Cristina González, que estivo a piques de subir ao podio na categoría Júnior, pero tívose que conformar co cuarto posto.
TRES MEDALLAS NO AUTONOMICO DE LANZAMENTO
Ademais, a Gimnástica completou unha magnífica fin de semana coa consecución de tres medallas no Campionato de Galicia de lanzamentos. Con frío, vento e choiva, enfrontáronse a unhas condicións adversas. Os seis representantes pontevedreses, tres homes e tres mulleres, non lograron ningunha vitoria, pero malia iso o balance é positivo para o club.
Víctor Gallego foi segundo no lanzamento de disco, cun magnífico tiro de 53.80 metros, que o deixa en moi bo lugar de cara ao Nacional que se celebra en dúas semanas. Martín Brea con 44.17, acompañoulle ao podio cun terceiro posto. Puido facer algo máis pero unhas molestias nas costas impedíronlle facer un mellor concurso. A terceira medalla foi outra prata para Ángeles Filgueira, na xabalina feminina, con 36.26 metros.