Actividades saudables, culturais e de crecemento persoal chegan ao Espazo Xove da Xunta en Vilagarcía
Por Anxo Lourido
Nesta segunda quincena do mes de outubro desenvólvense novas actividades dentro da programación do Espazo Xove de Vilagarcía de Arousa, situado na Rúa Juan Carlos I, número 37.
As propostas van dirixidas a mozas entre os 14 e os 30 anos e a inscrición permanece aberta.
Os talleres previstos desenvolveranse os seguintes días:
- Xoias de papel para crear elementos con forma de xoia. Será os xoves en horario de 17.00 a 19.00 horas.
- Cociñando pensamentos. Unha actividade para potenciar a imaxinación e o xogo. Está previsto os venres, de 18.00 a 20.00 horas.
- Playlab (xogas comigo?). Trátase da creación dun pequeno laboratorio con suma de ideas e participación en torneos, olimpíadas populares e xogos de mesa, entre outras actividades. Desenvolverase os sábados en horario matinal.
- Obradoiros de Banda Deseñada, impartidos polo debuxante FON, autor de obras como Curuxa, Gazafellos ou Contra o reloxo. As sesións comezarán este sábado 21, de 17.00 a 18.30 horas.
- Namórate de ti. Proxecto destinado a fomentar a autoestima entre a mocidade utilizando a fotografía como ferramenta artística. As sesións están previstas para os días 25, 26, 27 e 28 de outubro. Ao finalizar a actividade entregarase un book con fotografías en branco e negro.
- West coa swing. Proposta para o sábado 28, a partir das 18.00 horas consistente nunha sesión de baile na que se fomenta a igualdade.
- A Casa Encantada. Sesión terrorífica fomentando o Samhain. Realizarase no serán do martes 31 a través dun Escape Room con sorpresas, comida aterradora e probas para os participantes. Comezará ás 18.00 horas.
As persoas interesadas en participar en todas estas sesións gratuítas deberán apuntarse a través do correo espazoxovevilagarcia.xuventude@xunta.es, chamando ao teléfono 886.151.843 ou achegándose ao edificio de Espazo Xove de Vilagarcía.