Calor, música e bo ambiente para poñer o broche ao Surfing The Lérez coa súa xornada máis familiar
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Nin as altas temperaturas impediron que os festivaleiros do Surfing The Lérez gozasen este sábado 24 de xuño do seu día grande, o que poñía o broche a unha edición con tres xornadas de música e diversión a beiras do río.
Despois de dous días de concertos, chegaba a quenda do fin de festa coa xornada máis ampla e familiar do festival, convertido xa en todo un clásico que marca o inicio do verán.
Desde as 12.00 horas a actividade empezouse a repartir entre os tres escenarios habilitados e o espazo infantil para goce de todos.
'Esto es rock', Paco Nogueiras e As Palabras Perdidas amenizaron a xornada para os máis pequenos xunto ás exhibicións de Os Relámpagos e o Pontevedra Rugby Club.
E na parte musical a Escola Bonobo inaugurou a actividade á primeira hora, dando paso ao longo de toda a xornada a Los Ratreadores, Zeltia Irevire, Escuchando Elefantes, La Casa de los Ingleses, Igloo, Eggy, Malandrómena, Pablo Lesuit, Meu Cariño, Dakidarría, Lamontagne & Picoamperio, Gorllitox, Lontreira, Visi y Galician Army, cunha programación que se prolongaba ata ben entrada a noite.
Todo iso no medio dun ambiente inmellorable que demostra a boa saúde do evento. Que viva o Surfing!