Javier Krahe, principal atractivo da programación para xaneiro da Sala Aturuxo
Por Redacción
A Sala Aturuxo de Bueu, un dos referentes máis destacados da escena cultural e musical pontevedresa, arrinca 2014 dispostos a seguir mantendo o gran nivel de programación ao que nos teñen afeitos desde hai anos. O principal atractivo para este inicio de ano será, sen ningunha dúbida, o concerto que o cantautor madrileño Javier Krahe ofrecerá este xoves 9 de xaneiro, ás 21.30 horas.
Javier Krahe, que pasou recentemente pola Sala Karma de Pontevedra, presentará en directo o seu decimocuarto disco, Las diez de últimas. Tres anos logo do seu último disco volve con máis forza que nunca, demostrando que segue sendo un artista de referencia para a canción de autor, destacando sempre por conseguir unha sorte de calidade difícilmente igualable baseada no humor, a crítica e a profundidade nas súas letras
O sábado 18 de xaneiro, ás 22.30 horas, será a quenda de Narf Trío, que presenta o disco-libro Nas tardes escuras, o seu máis recente traballo discográfico, no que exploran a poesía de Rosalía de Castro dun xeito innovador. O grupo, que ofrece un directo fresco e contundente interpreta a Rosalía desde a linguaxe electrificada do rock cunha visión contemporánea e enérxica dos textos da poetisa. A entrada para o seu concerto custa cinco euros.
Un día despois, o domingo 19 de xaneiro, actuará a banda catalana Electric Gozarela. Chegan a Bueu co seu primeiro disco, no que recollen as influencias que recibiron desde a súa creación. O latin funk, o mambo, o chachachá, o funk pandilleiro, o latin disco ou sexa toda esa música de ida e volta que saeu de África, pasou polo Caribe e chegou a Norteamérica donde se lle deu un senso urbán, forma parte do son deste grupo. Actuarán ás 21.30 horas e velos custa seis euros.
O xoves 23 de xaneiro estará reservado para o recital músico poético Sobre o desamor e outras mariconadas: Proposta poético-musical para cicatrizar feridas. Trátase dunha proposta que conxuga a voz a micro pegado e o carácter apaixonado do actor-creador Ricardo de Barreiro e a sensibilidade e serenidade do músico-compositor Guillerme Fernández. Comenzará contra as 21.30 horas e a entrada ten un prezo de cinco euros.
E xa en febreiro, a Sala Aturuxo adianta que o sábado 8, ás 22.30 horas, recibirán a visita de Cáxade, o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo posmodernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. Veñen de editar, o pasado mes de novembro, o seu primeiro traballo discográfico, A Dança dos Moscas.